O persoal administrativo da provincia recibiu o diploma do Plan Agrupado de Formación Continua
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto, e á deputada de formación, ensino e economía do coñecemento, Ana González Abelleira, entregou este martes no salón de actos do Pazo de San Marcos a uns 70 traballadores e traballadoras da administración local da provincia os diplomas acreditativos da súa participación no Plan Agrupado de Formación Continua que ofreceu de maneira gratuíta a institución provincial durante o ano 2021.
José Tomé subliñou que este plan ten un obxectivo moi claro, “que é avanzar cara unha administración local máis moderna, áxil e eficiente. Unha Administración que se sitúe na vangarda dos coñecementos e das ferramentas de traballo dispoñibles en cada momento para prestar cada vez un mellor servizo público á cidadanía”.
A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2021 incluíu 21 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, transparencia e boa gobernanza, igualdade, prevención e responsabilidade social relacionada co medio ambiente, entre outras. Participaron un total de 35 formadores e formadoras neste programa, aberto a persoal da Deputación e dos concellos da provincia.