O persoal das escolas infantís municipais de Lugo recibe formación en primeiros auxilios pediátricos

LugoXa
A iniciativa, organizada en colaboración co Colexio de Enfermaría de Lugo, busca reforzar a capacitación dos profesionais e mellorar a atención ás crianzas
formación-en-primeiros-auxilios-pediátricos-escolas-Lugo
5 Mar 2026

A concelleira responsábel da área de Educación, Iria Buide, abriu unha formación específica en primeiros auxilios pediátricos dirixida ao persoal das Escolas Infantís Municipais de Lugo co obxectivo de reforzar a súa capacitación e garantir unha atención máis segura e de maior calidade ás crianzas usuarias destes centros.

A edil visitou ao persoal participante durante a actividade formativa, que tivo lugar na Escola Infantil Municipal Serra de Outes. Durante a visita destacou o compromiso da Tenencia de Alcaldía coa formación continua das e dos profesionais para “mellorar a calidade destas instalacións e ofrecer un servizo de referencia”, sinalou Buide.

A formación foi organizada en colaboración co Colexio de Enfermaría de Lugo e estivo impartida por Alejandra Trigo Real e Verónica Varela Andrade, enfermeiras especialistas en enfermaría familiar e comunitaria. A actividade ten unha duración de 4 horas e inclúe contidos teóricos adaptados ás distintas etapas das crianzas, concretamente de 0 a 6 meses, de 6 a 12 meses e de 1 a 3 anos.

Ademais da parte teórica, o curso incorpora contidos prácticos que permiten ao persoal adquirir experiencia en situacións como a reanimación cardiopulmonar básica (RCP), obstrucións das vías respiratorias, convulsións, asfixias ou a atención de feridas.

As escolas infantís municipais ofrecen un servizo integral de carácter social e educativo no que se traballan diferentes ámbitos do desenvolvemento das crianzas, como a aprendizaxe, a motricidade, o control corporal, as primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, así como as pautas básicas de convivencia, a relación social e o descubrimento do entorno máis próximo. Este labor realízase mediante un traballo coordinado entre o ámbito escolar, as familias e o entorno físico.

Ademais da dimensión educativa, estes centros tamén inclúen un importante compoñente asistencial que abrangue a prestación de todos os coidados necesarios, como a hixiene, a limpeza, o cambio de roupa, a manutención ou a atención á saúde dos menores.

A rede municipal de escolas infantís conta actualmente con centros situados na Piringalla, coa Escola Infantil Municipal María Wonenburger; en San Fiz, coa Escola Infantil Municipal Luís Soto Menor; nas Fontiñas, coa Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz; e no Castiñeiro, coa Escola Infantil Municipal Serra de Outes.

0.11882901191711