O persoal de CAPSA manifestouse ante o xulgado durante a celebración do xuízo contra a empresa

TerraChaXa | LugoXa
O persoal de CAPSA segue a mobilizarse ante o xulgado para exixir a aplicación da revisión salarial pactada no convenio
manifestacion capsa servizos minimos xuizo
9 Xuño 2023

Traballadores e traballadoras de Corporación Alimentaria Peñasanta concentráronse este venres diante dos xulgados de Lugo coincidindo coa celebración do xuízo de impugnación dos servizos mínimos abusivos impostos pola empresa durante as folgas parciais realizadas na planta de Outeiro de Rei nos meses de marzo e abril.

Cómpre lembrar que estes servizos mínimos xa foran suspendidos polo xulgado tras a solicitude de medidas cautelares presentadas pola CIG, ao entender que poderían vulnerar o dereito fundamental á folga.

Á marxe do que decrete o xustiza neste caso, os traballadores e as traballadoras de CAPSA (Larsa e Central Lechera Asturiana) continúan loitando para que a empresa cumpra co seu propio convenio colectivo e proceda á revisión salarial conforme ao IPC real, correspondente ao ano 2022.

Despois das folgas e mobilizacións desenvolvidas polo persoal, tras o fracaso da mediación e "a negativa reiterada da compañía láctea a respectar as garantías económicas recollidas no convenio", o comité (con representación única da CIG) xa iniciou reclamación na vía xudicial, ficando pendente de fixarse a data do proceso.

"Para a CIG resulta especialmente grave que no actual contexto de empobrecemento dos salarios a causa da elevada inflación, unha empresa como CAPSA, que está rexistrando enormes beneficios, incumpra coas súas obrigas legais, dilatando a aplicación dunha cláusula de revisión que, precisamente, se incluíu no convenio como vía para garantir o mantemento do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras", din.

Por iso, a central nacionalista avanza que recorrerá a todas as medida que sexan necesarias para lograr que a empresa cumpra co pactado no convenio colectivo.

0.17968893051147