O piloto lucense Alonso Liste presenta o vehículo co que disputará o Campionato europeo de escalada de montaña

LugoXa
O piloto lucense Alonso Liste presenta o vehículo co que disputará o Campionato europeo de escalada de montaña
Alfonso Liste
29 Mar 2023

O piloto lucense José Antonio Alonso Liste disputará de novo o Campionato de Europa de Escalada de Montaña da FIA co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

Liste presentou o vehículo Ginetta G55, que un ano máis foi revisado e posto a punto por alumnos e profesores do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes. O acto tivo lugar no propio instituto e contou tamén coa asistencia do director, Joaquín Expósito.

Nesta ocasión crearon e instalaron un volante que incorpora sete controis ou accionamentos que estaban situados antes no cadro principal, co que o piloto accederá con maior axilidade e seguridade ao control de freos, tracción, dirección ou presión hidráulica, entre outros. Igualmente, encargáronse de substituír as pezas que acusaron o desgaste da pasada campaña ou pintar a parte dianteira do coche.

Nos traballos participou o alumnado de segundo curso do ciclo medio de Carrocería e o do curso de especialización en Fabricación intelixente, un máster de FP ao que poden acceder graduados en Robótica, Electrónica ou Mantemento industrial.

O Campionato de Escalada de Montaña comeza o 14 de abril en Saint Jean du Gard (Francia). Consta de dez carreiras, das que cada piloto debe elixir un mínimo de oito. A única cita en España é a Subida Internacional ao Fito, que se celebrará en Arriondas (Asturias) entre o 5 e o 7 de maio.

0.21445989608765