O Plan Básico de Antas de Ulla a debate nas parroquias e no casco urbano

LugoXa
O Concello organiza reunións informativas para explicar o documento e recoller achegas da veciñanza
inauguracion-casa-cultura-antas-de-ulla
21 Mar 2026

O Concello de Antas de Ulla impulsa unha serie de reunións informativas para dar a coñecer o Plan Básico Municipal que está a tramitar a Xunta de Galicia, co obxectivo de achegar o documento á veciñanza e fomentar a súa participación no proceso.

A alcaldesa manterá encontros tanto no casco urbano como nas distintas parroquias para explicar en detalle o contido do plan, así como as súas posibles implicacións sobre vivendas, fincas e o desenvolvemento futuro do municipio. Estas sesións tamén servirán para que os asistentes poidan presentar alegacións, formular consultas e trasladar as súas inquedanzas nun momento clave da tramitación.

Desde o goberno local destacan a importancia de implicar á cidadanía nunha ferramenta que marcará a ordenación do territorio nos vindeiros anos, apostando por un proceso participativo baseado no diálogo e no consenso. A documentación completa do Plan Básico Municipal está ademais dispoñible para consulta a través da páxina web municipal.

O calendario de reunións arrancará o 22 de marzo na Casa da Cultura de Antas de Ulla e continuará en diferentes puntos do municipio ata o 5 de abril, con encontros previstos en parroquias como Olveda, Santa Mariña, Areas, Dorra ou Casa de Naia, combinando sesións en horario de tarde e de mañá para facilitar a asistencia.

O Concello anima á veciñanza a participar activamente nestas xornadas, subliñando que a súa implicación será clave para definir o futuro urbanístico e territorial de Antas de Ulla.

0.1120069026947