O Plan de Acción do Rural acondiciona máis de 40 núcleos rurais
O Concello de Lugo está acondicionar máis de 40 núcleos rurais e a rozar case mil quilómetros de estradas e pistas a ámbalas dúas marxes nestas parroquias. Ademais, os labores de limpeza se están a levar a cabo nos campos da festa das parroquias rurais do municipio, cara ás celebracións que terán lugar ao longo do verán. Estes traballos, que comezaron o pasado mes de xuño, responden ás peticións da veciñanza que van solicitando estas actuacións conforme se achegan as datas das súas celebracións. De feito, ata de agora estas tarefas consistiron na roza de 25 quilómetros en 14 campos da festa doutras tantas parroquias. A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, sinala que “O Executivo de Paula Alvarellos, cumpre así coas peticións trasladadas polos veciños e veciñas, que solicitaron ao Concello de Lugo a posta a punto destes espazos e das súas contornas, co obxectivo de garantir o seu benestar, e como parte dos compromisos que deseñamos no Plan de Acción do Rural”.
Para acometer estas tarefas nas contornas dos núcleos catro operarios da brigada municipal do Rural traballaron desde o pasado mes de xuño nestas 14 parroquias con catro rozadoras manuais e dous tractores, empregados principalmente na limpeza da maleza, na roza e no acondicionamento dos espacios destinados ao estacionamento de vehículos. Unha vez rematados continuarán co resto de parroquias que soliciten a roza destes espazos, polo que se prevé intervir noutras 25, ao longo do verán.
Na actualidade, estase a rematar este acondicionamento no quilómetro e medio do campo da festa de Coeses, despois de intervir e finalizar estas actuacións noutras 13 parroquias rurais, cada unha delas con distintas necesidades e superficies de intervención. Así, leváronse a cabo ditas tarefas en contornas máis amplas, como as de O Veral, con 4 quilómetros; Mazoi, con 3,5; ou Orbazai, con 3 quilómetros de campo para albergar a Foliada; outros espacios de superficie media como Pías, Vilamoure, Calde e Monte de Meda, e nas máis reducidas, entre as que se atopan os campos da festa de Conturiz, San Xoán do Campo, Tirimol, San Xoán de Pena, San Pedro de Soñar e Torible. Todos estes traballos de acondicionamento, roza e limpeza supuxeron ata de agora a posta en valor dun total de 25 quilómetros.
A concelleira da Área de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, sinalou que “estas intervencións eran urxentes de cara á celebración das distintas festas do verán, e ademais complementan outras deseñadas no Plan de Acción do Rural do Executivo de Paula Alvarellos, dentro dos compromisos que adquirimos coa veciñanza das parroquias do municipio, como pode ser a dinamización dos centros cívicos e a conservación do patrimonio”.
De forma paralela, a área de Cohesión Social e Territorial continuará coa roza mecánica e manual da maleza en ámbalas dúas marxes das principais estradas e pistas das 54 parroquias rurais, para garantir a seguridade viaria nus camiños e estradas que supoñen intervir en preto de mil quilómetros. González Abelleira lembrou que “este é un dos compromisos que o Executivo de Paula Alvarellos adquiriu coas pedáneas e pedáneos, contemplados nese Plan de Acción, co que tamén estamos a determinar e responder ás principais necesidades en canto a todo tipo de infraestruturas, dotacións, rede viaria, abastecemento e saneamento, alumeado público e sinalización, por citar algunhas”.