O Plan de Embelecemento manterá en bo estado os espazos públicos urbanos

LugoXa
Lara Méndez lanza un Plan de Embellecimiento de Lugo para mantener en buen estado los espacios públicos de la ciudad.
lara mendez plan embelecemento
28 Dec 2021

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lanza un Plan de Embelecemento da cidade coa finalidade de manter en estado óptimo de conservación todos os espazos públicos urbanos. Plan que permitirá realizar pequenos labores de acondicionamento, arranxo e recuperación nun prazo máximo de quince días desde que o Concello comunique as tarefas a realizar á adxudicataria deste servizo.

O obxectivo da iniciativa é “poder dar unha resposta áxil ás demandas da cidadanía nos distintos barrios co fin non só de mellorar o ornato da cidade e a súa imaxe, senón tamén de aumentar a vida útil dos elementos que conforman os espazos públicos e aumentar a seguridade das vías, dando continuidade, así, ao traballo que estamos a desenvolver no noso modelo de Lugo sostible”, afirmou.

Neste sentido, a rexedora sostivo que é un labor de todos, da Administración local e da veciñanza, o coidado do noso municipio, “polo que o plan irá acompañado da posta en marcha dunha campaña con dous obxectivos, que a cidadanía nos faga chegar as súas demandas pero tamén para que se implique na protección dos espazos que son comúns e que compartimos”.

Para este fin, a rexedora avanzou que, mañá, a Xunta de Goberno Local aprobará o inicio do proceso de licitación do Plan de Embelecemento, no que o Concello investirá 160.000 euros durante o 2022 y 100.000 no 2023. O contrato está reservado a centros especiais de emprego de iniciativas sociais e empresas de inserción, xa que outro dos fins que se perseguen é “facilitar a inclusión no mercado laboral das persoas con discapacidade”, aclarou Lara Méndez.

Para activar este Plan, o contrato distribuirase en dous lotes, un financiado cos fondos europeos DUSI Muramiñae, a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego e a inserción laboral, e que permitirá o desenvolvemento das accións de mellora nos dez barrios onde actúa esta estratexia municipal, e un segundo lote para os barrios non incluídos na mesma.

Entre as obras que se poderán acometer destacan intervencións de conservación, mantemento e instalación de mobiliario urbano, accións de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como de reordenación de espazos urbanos, ou o arranxo de beirarrúas e pavimentos, entre outros.

No prego de condicións que sairán a licitación se establece que a empresa deberá iniciar os traballos nun prazo máximo de sete días desde a realización do encargo e estar finalizados, os de pouca envergadura, nun prazo de quince días hábiles agás causas xustificadas como poden ser as inclemencias meteorolóxicas.

Ademais, en caso de emerxencia, a actuación deberá comezar nun prazo non superior ás 24 horas naturais, debendo emendar a incidencia de forma ininterrompida no prazo máis breve posible.

MURAMIÑAE REHABILITA
Lara Méndez engadiu que o Plan de Embelecemento dá continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras de colectivos vulnerables en situación de desemprego, para realizar obras de mellora na zona que abarca a estratexia DUSI.

Para a súa posta en marcha realizouse unha campaña de participación cidadá para coñecer as opinións e suxestións da veciñanza, “xa que quixemos, como agora, que sexan os e as lucenses os que nos propoñan as actuacións que queren que desenvolvamos nos barrios”. Froito deste programa executáronse melloras no Parque Rosalía de Castro, o acondicionamento da contorna do río Miño, o cambio de bolardos da Milagrosa, a peonalización da Rúa Esquecemento, así como arranxos en diversas áreas da capital.

A estratexia DUSI Muramiñae está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

0.18285894393921