O Plan de Embelecemento urbano será adxudicado esta semana en Xunta de Goberno

LugoXa
El plan de embellecimiento urbano será adjudicado en Junta de Gobierno esta semana en el ayuntamiento de Lugo.
banco plaza anxo fernandez gomez paco pestana
21 Feb 2022

O Plan de Embelecemento urbano será adxudicado esta semana en Xunta de Goberno. Este proxecto pretende mellorar a conservación e a habitabilidade dos barrios da capital. Un obxectivo ao que destinará 260.000 euros en dous anos e cos que se abordarán aquelas intervencións, demandadas pola veciñanza, que contribúan a garantir o correcto mantemento dos espazos públicos.

A súa posta en marcha permitirá acometer traballos de acondicionamento, arranxo e recuperación do mobiliario urbano, ofrecendo unha resposta áxil ás necesidades que trasladan as e os lucenses e incrementando a vida útil de elementos como bancos, papeleiras, etc... pero repercutindo, tamén, noutros aspectos como a seguridade das vías ou no ornato das zonas axardinadas.

Así, este próximo mércores, o Executivo municipal autorizará a asignación do contrato ao centro especial de emprego e iniciativa social Coregal Parques e Xardíns, atendendo a outro dos obxectivos que se quere alcanzar con esta iniciativa como é a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade.

A licitación foi dividida en dous lotes. Un deles, cofinanciado ao 80% polos fondos FEDER dentro da Estratexia DUSI Muramiñae, a través da súa liña vinculada a estimular a creación de emprego en colectivos vulnerables, e que permitirá desenvolver accións de mellora nas dez localizacións incluídas no seu ámbito de actuación, e un segundo lote para o resto de barrios.

Entre as obras que se poderán efectuar destacan intervencións de conservación e instalación de mobiliario, de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como de reordenación de espazos ou arranxo de beirarrúas e pavimentos, entre outros. Co requisito de que todos estes labores deberán iniciarse no prazo máximo dunha semana dende que o Concello realice o seu encargo e deberán concluír en quince días.

A vontade é dar unha resposta áxil ás demandas da veciñanza, de maneira que a aplicación deste Plan se acompañará dunha campaña de participación cidadá para que, por unha banda, todas aquelas persoas que queiran poidan trasladar as súas suxestións e peticións, ao tempo que favorece a implicación da poboación na protección e coidado dos espazos comúns.

O Plan de Embelecemento dará continuidade ao programa de capacitación sociolaboral Muramiñae Rehabilita, co que o Concello de Lugo articulou tres brigadas formadas por 27 traballadores e traballadoras que se atopaban en situación de desemprego e, a través do cal se executaron a peonalización da Rúa do Esquecemento ou as rehabilitacións do Parque Rosalía de Castro e da contorna fluvial do río Miño.