O Plan Deputación buscará o apoio do Pleno o martes para un investimento de 25,5 millóns de euros

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Impulsará este ano máis de 300 actuacións, 274 novos empregos e 200.000 horas de axuda no fogar para 2.000 persoas
pilar-garcia-porto-pleno-deputacion
26 Mar 2026

O Goberno provincial elevará ao Pleno ordinario do mes de marzo -que se celebrará o vindeiro martes- o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que poderán levar a cabo os 67 concellos de Lugo ao abeiro do Plan Deputación 2026. Esta ferramenta, que é o principal instrumento de cooperación cos municipios da institución provincial, impulsará este ano con 25,5 millóns de euros de fondos públicos: 300 actuacións, 274 novos postos de traballo e máis de 200.000 horas de axuda no fogar para 2.000 persoas.

A Deputación achega a este Plan un total de 22,25 millóns de euros, unha cantidade coa que o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperación cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía. O Plan Deputación, que conta tamén cunha aportación de 3,26M€ dos concellos, ten tres eixos importantes: investimentos, servizos sociais e emprego.

Este programa responde ás necesidades concretas de cada municipio, reforzando a súa autonomía e responsabilidade. Ademais, garante unha distribución dos fondos transparente e baseada en criterios obxectivos, favorecendo así a equidade e o desenvolvemento equilibrado do territorio. O reparto baséase na ponderación dos concellos en canto a poboación (40%); núcleos de poboación (25%), superficie (20%), ou o envellecemento da poboación (15%), cun límite por municipio dun mínimo de 150.000€ e un máximo de 600.000€.

A aprobación en decembro das bases e do reparto municipal permitiu ás entidades locais planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poden aproveitar mellor estes recursos. De feito, este é o sexto ano consecutivo que o Executivo provincial saca adiante o reparto deste programa no exercicio anterior ao seu período de vixencia.

Investimentos, o gran eixo do Plan con 17 millóns

Superan os 17 millóns de euros os investimentos, as obras e as subministracións, que son o gran eixo do Plan Deputación e destacan cunha dotación de 12M€ os fondos destinados ao arranxo de estradas, accesos a núcleos e pavimentación.

En total, son 301 actuacións repartidas entre os 67 concellos da provincia. Ademais da renovación de firmes en vías, pistas e camiños municipais, estes fondos servirán para acometer redes de abastecemento de augas, mellorar o alumeado público, manter e crear locais sociais, realizar plans de ordenación de tráfico ou contribuír á conservación do patrimonio, mellorar instalacións públicas ou dotar aos concellos doutras novas e, en definitiva, á atención de necesidades que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.

3,73 millóns para crear emprego

En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,7M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo. Un dos programas máis importantes, que axuda a que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades.

En total, grazas ao Plan Único da Deputación, vanse crear 274 postos de traballo de emprego básico e proximidade, priorizando o mantemento municipal, os servizos públicos esenciais e a dinamización turística e social, adaptando ás necesidades reais de cada concello. Postos con funcións moi diversas, como peóns, oficiais e operarios cualificados, auxiliares administrativos, persoal de limpeza, técnicos de turismo, monitores deportivos, animadores, auxiliares de atención a maiores, periodistas, enxeñeiros ou arquitectos.

O terceiro eixo: axuda no fogar con 3,34 millóns

Os Servizos Sociais constitúen o terceiro gran bloque do Plan Deputación, porque axuda aos concellos a financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Un programa fundamental para que as persoas maiores, dependentes ou con algún tipo de discapacidade poidan seguir vivindo na súa casa recibindo apoio profesional para a atención persoal, apoio doméstico, acompañamento e supervisión. A institución provincial achega aos municipios máis de 2M€, que se suman aos 1,3M€ dos concellos para garantir un servizo esencial, básico para o benestar e moi demandado na provincia polo envellecemento da poboación.

A través desta ferramenta provincial fináncianse 200.000 horas de SAF que permiten que unhas 2.000 persoas na provincia queden na súa casa. En cada caso, realízase unha valoración técnica que establece que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar a resposta máis axeitada posible. Ademais o SAF é un servizo que xera un gran volume de emprego nos municipios. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.

Actividades culturais, deportivas e accións turísticas

Os concellos destinarán preto de 900.000€ a actividades culturais, deportivas e turísticas. Este apartado permite financiar concertos, actuacións, edición de libros, escolas de música ou eventos tradicionais como o Entroido, os magostos ou o Nadal.
Tamén posibilita campañas de promoción turística e actividades deportivas como cursos, carreiras populares ou torneos.

Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 235.542,86€. O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a máis de 17.000€.

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar 277.359,39€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto a anualidades anteriores. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia, como a Feira do Butelo, da Fonsagrada; a Festa da Augardente de Portomarín; a Festa da Cereixa de Ribas de Sil; a Feira de Santos; en Monterroso; a Festa da Androlla, en Navia de Suarna; a Feira do Viño, en Quiroga; ou a Feira da Primavera, do Páramo, entre moitas outras citas.

0.12619209289551