O Plan estratéxico de Subvencións de Lugo contará este ano con máis de 2,3 millóns de euros
O 2022 debe ser un ano clave para a recuperación económica e social dos territorios trala pandemia. Un obxectivo clave para a cidade de Lugo dende que, hai xa dous anos, se decretara o Estado de Alarma pola chegada da COVID -19.
Dende o minuto un desta crise sanitaria sumáronse os esforzos para arroupar ao sectores produtivos do municipio, coa finalidade de manter os postos de traballo e a estabilidade salarial das familias, pero tamén para tecer, xa dende o inicio, a rede que permita superar e saír fornecidos desta etapa.
Na procura desa meta, o executivo local está a articular medidas de dinamización e diversificación financeira da man, primeiro, dos Plans Reanima e Reactiva e, logo, da Estratexia Lugo Transforma, pero tamén a través de diferentes accións para impulsar o emprendemento e incluso con programas de formación para persoas desempregadas e mesmo dirixidos especificamente á xuventude.
A Xunta de Goberno Local validará esta semana a actualización da anualidade de 2022 prevista no Plan Estratéxico de Subvencións.
Un documento que Méndez cualificou de “ferramenta indispensable” para fomentar, promover e potenciar a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral. “E que, dende que entrou en vigor está a servir tamén para darlle maior axilidade á xestión e pago das axudas”.
Dotado neste exercicio con 2.304.961 euros, este Plan representa a razón de ser do conxunto da actividade subvencional do Concello e persegue servir de guía para mellorar e racionalizar a súa tramitación mediante a valoración de aspectos de transversalidade, eficacia e eficiencia das diferentes liñas de axuda facendo, á súa vez, especial fincapé na fiscalización posterior á concesión das mesmas.
A alcaldesa explicou que case un terzo da partida (737.500 euros) se destinará ás axudas habilitadas pola área de Benestar para cooperar coas asociacións e ofrecer achegas directas para o aluguer de vivenda ou a emerxencia social e quixo destacar tamén, as subvencións dirixidas a fomentar a práctica do deporte base (321.000 euros) e a contribuír á defensa do benestar animal, que neste caso alcanzan os 215.000 euros e se canalizan a través dos convenios que o Concello mantén coa Protectora de Animais e a Asociación Michos Lugo.
Este exercicio cómpre incluír, así mesmo, a Fase XVI das subvencións en réxime de concorrencia para a rehabilitación do Casco Histórico de Lugo que se xestionarán dende Evislusa e disporán dunha partida de 430.061 euros para favorecer a rexeneración do recinto amurallado da capital. Pola súa banda Cultura e Turismo contarán con 136.800 euros e Participación Cidadá de 67.500 euros.