O pleno da Corporación municipal do Concello de Lugo aprobou a suba de impostos e taxas

LugoXa
O Goberno local de Lugo lembrou que se destinan 13 millóns de euros do presuposto municipal “a cubrir servicios que lle corresponden á Xunta"
Pleno-local-Lugo
17 Dec 2024

O pleno da Corporación municipal do Concello de Lugo conseguiu aprobar a suba de impostos e taxas para a veciñanza despois de 12 anos sen subilas co fin de poder facer fronte ás inversións e gastos municipais.

Esta suba foi aprobada polos concelleiros do PSOE e do BNG e coa oposición, representada polo Partido Popular en contra, á que se sumou o colectivo Non á Subida de Impostos, que se achegou á Casa Consistorial para protestar contra esta suba.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, lembrou que Lugo ten unha ponencia de valores catastrais de 1998 e que por iso necesita aumentar os ingresos tras 12 anos sen subir os impostos e as taxas xerais.

Así, detallou que o que subirá será o IBI urbano nun 10 %, mentres que no caso do rural pasará do 0,20 ao 0,50, e que, trala aprobación do PXOM e a revisión do catastro, haberá parcelas que empecen a tributar como urbanas ao poder construír nelas cando se aproben os plans de ordenación.

Ante as críticas do colectivo e dos populares, a alcaldesa lembrou que o Goberno local destina 13 millóns de euros do presuposto municipal “a cubrir servicios que lle corresponden á Xunta, como a ayuda á dependencia”.

Pola súa parte, Elena Candia acusou ao Goberno local de “gastar o diñeiro en proxectos que non aportan nada a Lugo”, como o carril bici, a pasarela de baño no río e o levantamento do casco histórico para levar a cabo unhas obras de peonalización “innecesarias”. Aínda así, Candia comentou que poderían apoiar unha suba "moderada" e lembrou que en Mondoñedo suprimiu a plusvalía cando era alcaldesa.

0.17681002616882