O Pleno da Deputación acorda pedir á Xunta a gratuidade dos libros de texto
A Deputación de Lugo demanda á Xunta de Galicia a gratuidade dos libros de texto e o fin dos recortes de persoal en educación na provincia. Así se acordou, co voto en contra do PP, no Pleno ordinario do mes de setembro celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista.
Desde a institución provincial demandan ao Goberno autonómico do PP que remate coa política de recortes de persoal, nomeadamente no rural, e que explique en sede parlamentaria como empregou os fondos extra de 92 millóns do Estado para reforzar a educación por mor da Covid.
A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, reclamou ao PP “un compromiso real coa educación pública e coas familias lucenses e garanta a gratuidade dos libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio semellante ao que estivo en vigor durante os anos do Goberno de Pérez Touriño”.
A Deputada lembrou que o PP de Feijóo eliminou a gratuidade dos libros, e hoxe, o PP opta por manter esa situación nun contexto económico aínda máis complexo. Nesa liña, incidiu en que o detrimento da educación pública na nosa Comunidade “é unha cuestión ideolóxica e de vontade política”. A voceira socialista recalcou neste sentido a incoherencia de Feijóo porque pide agora en Madrid a gratuidade dos libros de texto, cando á súa chegada á Xunta en 2009 suprimiu esta medida, que implantara o Goberno de Touriño. “Non fan o que predican”, asegurou.
Medidas excepcionais do Goberno do Estado
Mentres tanto, o Goberno progresista de Pedro Sánchez adopta medidas excepcionais de alivio para as economías familiares, como por exemplo “co aumento das becas en case un 25%, a rebaixa das taxas universitarias, o impulso da FP, o bono cultural xoven ou a aprobación da LOMLOE, unha reforma para unha educación baseada nas competencias, aberta á innovación e ás mellores prácticas”, puntualizou.
Recortes do PP
Pilar García Porto denunciou que, despois de 13 anos de goberno do PP, “hai 138 centros escolares pechados e 1.500 mestres menos en Galicia. E vostedes din que defenden a educación pública?”, preguntou. Ademais, criticou o destino dos fondos Covid: “A Xunta recibiu fondos extra do Estado por importe de 827M€ para reforzar os servizos públicos dende que comezou a pandemia, pero o PP sempre se negou a dar conta en sede parlamentaria de como empregou os 92 millóns percibidos para educación. Mentres a Xunta obrigaba a asumir ós concellos os gastos da desinfección das escolas, gastaba polo menos 13 millóns deses fondos extra en cambiar cubertas en mal estado, uns labores de mantemento que a Xunta debería ter asumido co seu orzamento ordinario”.“Cambian os dereitos por negocio”, dixo a deputada.
Aprobada a Conta Xeral 2021
Tamén saíu adiante, na sesión plenaria deste martes, a Conta Xeral da Deputación de Lugo correspondente á anualidade 2021 cos votos favorables do PSdeG e do BNG e a abstención do PP. Segundo informou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, durante a exposición pública deste documento “non se presentou ningunha reclamación, reparo ou observación” e valorou positivamente que quede aprobado en tempo e forma.
Toma de posesión
Por outra banda, tomou posesión como deputado Xosé María Teixido Núñez. O concelleiro de Guitiriz polo Partido Popular releva así a Agustín Baamonde Díaz. Teixido Núñez prometeu o seu cargo sobre a Constitución e recibiu o diploma acreditativo e a medalla que distingue aos representantes provinciais.
Crítica do Partido Popular
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, lamentou no Pleno que “o goberno provincial é moi dado a presumir das residencias a golpe de titulares, pero temos que discrepar porque a súa xestión durante este mandato foi nefasta para a rede de centros de maiores. Hai varios casos que acumulan catro anos co convenio en vigor e sen iniciar as obras. Non se puxo nin un só ladrillo. Das 10 residencias prometidas fai 11 anos, só están en funcionamento 7”. Polo tanto, o popular esixiulle ao goberno de Tomé “menos propaganda e máis xestión ou, como dicía Emilio Aragón, menos samba e máis traballar”.
Así o manifestou durante o debate sobre a aprobación da terceira addenda do convenio entre a Deputación e o Concello da Pontenova, de data 21 de febreiro de 2018, en relación á dirección de execución da obra de construción de centro de atención a persoas maiores no municipio que saíu adiante por unanimidade.
Castiñeira remarcou que “as únicas residencias que abriu este equipo de goberno do señor Tomé -tendo en conta que abrir non é o mesmo que inaugurar como son moi dados a facer- son as que fixeron outros. É o caso das que fixo Suplusa, esa entidade á que lle chaman chiringuito e que vostedes pecharon, pero que funcionaba mellor que vostedes”.
Apoio á ILP de medidas urxentes para fortalecer a Atención Primaria
O grupo provincial do BNG sacou adiante a moción de apoio a ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria, que está a impulsar tamén con accións a pé de rúa, organizando recollidas de sinaturas en localidades das distintas comarcas.
A proposta, aprobada malia a oposición do Partido Popular, recolle as actuacións necesarias para garantir unha asistencia de calidade no sistema sanitario público. Entre elas, incrementar o persoal sanitario e administrativo dos centros de saúde; redimensionar os cadros de persoal incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá ou logopedia para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada; recuperar as Xerencias de Atención Primaria para dotalas de capacidade de planificación e autoxestión ou incrementar o orzamento de Atención Primaria ata alcanzar o 25% do total.
O voceiro nacionalista Efrén Castro valorou o voto en contra do Partido Popular como unha mostra da folla de ruta do PP, “sanidade privada e rebaixas de impostos aos que acumulan patrimonio” e reiterou a demandas do Bloque Nacionalista Galego: “inversión para que haxa profesionais ben remunerados e en condicions dignas e repercuta nunha atención maioritariamente presencial e de calidade”