O Pleno da Deputación de Lugo aproba mocións para mellorar o SAF e as infraestruturas provinciais
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha moción presentada polo PSdeG-PSOE na que solicita á Xunta de Galicia que arquive os expedientes sancionadores abertos contra os concellos de Triacastela, Samos, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro, por dificultades na cobertura do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A iniciativa, apoiada polo BNG e rexeitada polo PP, subliña que os concellos, que asumen gran parte do custo do servizo, precisan máis financiamento por parte da Xunta en lugar de sancións.
O presidente da Deputación, José Tomé, criticou que as multas, que poderían alcanzar os 20.000 euros, supoñen unha carga excesiva para municipios cunha poboación envellecida, onde o 45 % supera os 65 anos. Ademais, reclamouse a negociación cunha mellora da financiación, elevando o prezo da hora do servizo de 12 a 20 euros e reforzando os equipos de valoración da dependencia para reducir listas de espera.
Outra moción socialista aprobada insta á Xunta a reparar a estrada LU-651 no Courel e a desenvolver un plan integral para mellorar as vías autonómicas da provincia. Tomé acusou o PP de criticar obras alleas mentres "mantén abandonada a estrada do Courel desde hai tres anos" e sinalou que o treito entre Folgoso e Seoane está pendente desde hai máis de 15 anos.
O BNG reivindica sanidade e vivenda
Pola súa parte, o BNG presentou dúas mocións. Nunha delas, aprobada por unanimidade, solicitouse á Xunta unha cobertura médica estable nos centros de saúde de Riotorto e Ourol. Neste último, ante a falta de atención deriváronse pacientes a Muras, tamén con problemas similares. Na segunda, os nacionalistas reclamaron políticas sociais para garantir o acceso á vivenda.
As propostas do PP non prosperan
As dúas iniciativas do PP foron rexeitadas. A primeira demandaba unha mesa de traballo para repartir os recursos do parque móbil entre os concellos, e a segunda pedía a cesión da Casona do Incio ao concello, xunto con 250.000 euros para un proxecto veciñal, alegando abandono por parte do goberno provincial.
Finalmente, no apartado de rogos e preguntas, o PP interesouse pola axuda de 50.000 euros ao matadoiro de Sarria, anunciada en novembro de 2024, e pola adquisición dun supermercado no concello de Pol, que contou cunha partida de 105.000 euros. Tamén solicitaron melloras en estradas provinciais nos concellos de Cervantes e Mondoñedo.