O Pleno da Deputación esixe á Xunta que rectifique a reforma da Residencia das Gándaras

O Pleno da Deputación de Lugo acordou instar á Xunta de Galicia a modificar o proxecto previsto para a Residencia das Gándaras, na cidade de Lugo, co obxectivo de garantir a dignidade e os dereitos das persoas maiores usuarias do centro. A iniciativa, presentada polo PSdeG, saíu adiante cos votos favorables dos socialistas, do BNG e do deputado non adscrito, mentres que o PP votou en contra.
Antes do inicio do pleno, a presidenta provincial, Carmela López, advertiu de que a reforma proxectada supón, ao seu xuízo, unha vulneración directa da dignidade das persoas residentes ao contemplar a transformación sistemática de habitacións individuais en dobres. Defendeu que Lugo debe apostar por un modelo residencial baseado en unidades de convivencia que prioricen espazos individuais fronte a fórmulas que, segundo indicou, favorecen o amoreamento. A presidenta mostrou a súa satisfacción porque, segundo afirmou, as demandas das persoas residentes comezan a ser escoitadas tras 15 mobilizacións e a presentación da moción na institución provincial, e expresou a súa confianza en que se poidan alcanzar solucións.
Na mesma liña, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, incidiu en que para moitas persoas maiores a habitación constitúe o único ámbito real de intimidade, o lugar no que descansan, se cambian, reciben visitas ou poden atoparse mal sen sentirse observadas. Sinalou que un centro residencial debe concibirse como un fogar e non como un espazo de almacenamento. Ademais, criticou a actuación da Xunta ao considerar que o envío do seu delegado en Lugo para reunirse cos residentes respondeu máis a unha estratexia de imaxe pública que á vontade de procurar solucións efectivas.
Rivera Capón subliñou que a Deputación se sitúa do lado das persoas residentes, das súas familias e das traballadoras do centro, e lamentou que non se contase con elas antes de deseñar o plan de reforma. Asegurou que a iniciativa socialista pretende defender os dereitos das persoas usuarias e trasladar ao Goberno de Alfonso Rueda que a remodelación da Residencia das Gándaras debe realizarse contando coa opinión de quen vive nela, escoitando as súas demandas e rectificando o proxecto para non actuar en contra da súa vontade.
O texto aprobado inclúe a solicitude á Xunta para que paralice de inmediato as obras destinadas á reconversión de habitacións individuais en dobres e para que modifique o proxecto co fin de manter a configuración actual dos cuartos. Tamén propón a convocatoria dunha reunión na que participen a administración autonómica, a dirección do centro, representantes das persoas residentes e as persoas afectadas, co obxectivo de consensuar un modelo de reforma que respecte a vontade de quen reside nas Gándaras.