O pleno de Castroverde rexeita un plan de mantemento das estradas e a regulación do uso das piscinas
“O alcalde de Castroverde négase a manter e mellorar as pistas de tódolos lugares, a facer unha aportación para as festas patronais de tódalas parroquias e tamén a regular o uso da piscina municipal a través do cobro dunha taxa pola entrada, tendo en conta bonificacións para os empadroados no noso Concello”, segundo conclúe o portavoz do PP, Pablo Figueiras, tralo pleno.
É que “o equipo de goberno do PSOE votou en contra de tódalas propostas do Grupo do Partido Popular, pero ao tratarse de demandas dos propios veciños, está a votar en contra do que os veciños lle piden ao Concello”. Unha das queixas máis habituais é a relativa ao “estado deplorable das vías municipais”. Nese sentido, os populares reiteraron a petición para a elaboración dun plan de mantemento de estradas municipais que estableza un esforzo importante no mantemento e mellora do firme e que tamén recolla un plan de rozas adaptado ás necesidades de cada pista e lugar que xa tiñan defendido o ano pasado.
A proposta saíu rexeitada debido aos 6 votos en contra do goberno, a pesar dos 5 a favor da oposición (4 do PP e 1 do BNG). E os populares comprometéronse a reclamar ante o pleno estas actuacións “todas as veces que sexa necesario”. A pesar do apoio do BNG á proposta do PP para regular o uso das piscinas municipais, tamén saíu rexeitada esta iniciativa co voto en contra do alcalde e o seu goberno.
A iniciativa recollía a elaboración dunha ordenanza fiscal reguladora do cobro dunha taxa que incluíse unha bonificación do 50% para os veciños empadroados no Concello e a exención do pago para os menores de 5 anos empadroados en Castroverde. O Partido Popular foi o único grupo da corporación que votou a favor -o goberno do PSOE opúxose e o BNG abstívose- de apoiar a celebración das festas patronais nas distintas parroquias para tratar de evitar que se perda esta tradición que en moitas delas xa non se celebra porque son poucos veciños e a súa organización supón esforzos persoais e económicos.