O pleno de Lugo aproba por unanimidade a proposta do PP para rexenerar o barrio do Carme

O pleno do Concello de Lugo votou por unanimidade a favor dunha proposta do Partido Popular destinada a rexenerar o barrio do Carme, baseada nun novo modelo urbano que permita actuar de inmediato. Segundo os populares, o primeiro paso real cara á recuperación do barrio pasa por modificar o actual PERI-6 e deseñar unha nova ordenación que se poida aplicar de forma progresiva.
A proposta do PP establece tres liñas de actuación principais: extraer vía segregación unha bolsa de solo do Plan Especial para non aplicar o artigo 90 da Lei do Solo, permitindo así rehabilitar, vender, hipotecar ou poñer en alugueiro os inmobles; identificar unha ordenanza específica para esta contorna segregada, podendo usar unha existente (como a ordenanza de mazá pechada) ou crear unha nova; e planificar unha segunda fase de rexeneración integral para o resto do barrio, que complete a recuperación da contorna.
O grupo municipal do PP explicou que leva anos reclamando unha iniciativa urbanística que rexenere o Carme, lembrando que durante este tempo o único que se fixo por parte do PSOE e do BNG foi gastar 10 millóns de euros de fondos europeos en obras como un carril bici, novas pavimentacións ou o coliving de artistas, sen que estas intervencións transformasen realmente o barrio. Os populares lamentaron que “os socialistas miden as súas intervencións polo que gastan, non por como quedan”.
Ademais, insistiron na importancia de que o goberno local reflexione e aproveite os próximos fondos europeos de forma útil, evitando repetir erros e realizando obras que acheguen valor á cidadanía. O PP tamén repasou promesas incumpridas relacionadas coa recuperación do Carme, entre elas o aparcamento de 40 prazas nos terreos da confraría, a modificación do PXOM anunciada en 2023 unha vez aprobado o 5% pendente, ou o concurso de ideas comprometido para 2024.