O pleno de Lugo centrou o debate no custo dos comedores escolares e nas parroquias

LugoXa
Arroxo critica que o Concello asuma máis de 523.000 euros por un servizo que atribúe á Xunta, mentres o PP celebra un acordo unánime para actuar en Nadela e acusa o goberno local de frear outros proxectos
pleno-ordinario-novembro-Lugo
27 Nov 2025

O pleno municipal de novembro en Lugo abriu cunha intervención do tenente alcalde, Rubén Arroxo, quen detallou o impacto económico que supuxo para o Concello o servizo de comedores escolares ao longo deste ano. O responsable municipal lembrou que esta prestación é, segundo subliñou, unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia que non está sendo atendida e que obrigou ao consistorio a destinar 523.723 euros das súas contas.

Arroxo advertiu de que esta situación impide dedicar ese medio millón de euros a ámbitos propios da administración local, como a renovación de infraestruturas urbanas, o impulso cultural ou a mellora xeral da cidade. O tenente alcalde acusou ao Goberno galego de desentenderse dun servizo esencial e reclamou que “cumpra coas súas obrigas”. Asegurou ademais que a Concellería de Educación garantirá que ningún menor de Lugo quede sen comedor escolar “a pesar de que a Xunta non está a facer o que lle corresponde”.

No mesmo pleno, o Partido Popular anunciou que se deu “un paso significativo” para a veciñanza de Nadela ao aprobarse por unanimidade unha petición para mellorar a entrada á parroquia. Os populares explicaron que a proposta inclúe dotar de iluminación a rotonda e avanzar na humanización da travesía, reivindicacións que —recordaron— levan máis dunha década sobre a mesa sen avances.

Os populares denunciaron, pola contra, que socialistas e nacionalistas votaron en contra doutras tres iniciativas relacionadas coa seguridade dos camiños de Santiago no seu paso por Lugo e co saneamento e abastecemento en Ombreiro e Esperante. Sobre esta última parroquia, lembraron que existía un acordo previo entre o presidente da Xunta e a alcaldesa Lara Méndez para executar o saneamento, negociación que —segundo o PP— quedou atrasada por falta de avances do Concello. Durante o proceso, a veciñanza pediu incluír tamén o abastecemento e ambas intervencións chegaron a incorporarse ao proxecto.

Os populares relataron que o goberno local primeiro rexeitou asinar o convenio alegando que só respaldaba o saneamento. Tras preguntar se o motivo era económico, o executivo municipal confirmouno, segundo o PP, e os populares ofreceron colaboración para facelo viable. Aseguran agora que o Concello mudou de novo de postura e tamén se opón ao abastecemento, pese a ser unha demanda veciñal e estar xa pactado.

O PP concluíu que, malia existir un compromiso explícito, o proceso segue estancado e que a veciñanza de Esperante continúa sen servizos básicos de saneamento e abastecemento por falta de vontade do goberno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.074665069580078