O Pleno de Lugo pedirá á Xunta que lexisle para afastar as plantas de biometano das vivendas

LugoXa
Fixo unha dura crítica á recente postura do Partido Popular sobre o recoñecemento oficial do galego na Unión Europea
pleno-biometano-arroxo
29 May 2025

O voceiro do BNG de Lugo, Rubén Arroxo defendeu no pleno municipal a iniciativa presentada polo BNG para instar á Xunta de Galiza a "aumentar o control ás plantas de biometano e garantir unha separación mínima de 3Km dos núcleos de poboación", afirmou. Arroxo destacou que esta iniciativa "vai na mesma liña que a que xa presentou o BNG no Parlamento de Galiza, reclamar á Xunta máis control ante esta actividade". A proposición foi aprobada coa abstención do Grupo Municipal do PP.

Actualmente, estanse proxectando plantas de gran tamaño, que requiren un aporte constante e moi elevado de residuos para o seu procesamento, polo que os residuos de preto non son suficientes e tráenos de moito mais lonxe. E, a maior tamaño existe un maior volume de residuos almacenados, mais operacións de descarga de residuos, maior volume a xestionar e tamén maiores riscos en caso de escape de emisións e risco de incendio.

A proposta do BNG buscará o consenso da Corporación Municipal para instar á Xunta a regular esta actividade con 5 obxectivos principais:

1. Establecer límites entre as plantas de biogás – biometano e núcleos de poboación e/ou vivendas habitadas, así como elementos patrimoniais ou bens naturais nun mínimo de 3.000 metros.
2. Establecer a distancia máxima entre a orixe dos materiais usados na dixestión, e a localización da planta en 20 quilómetros para residuos líquidos , e con carácter xeral a un máximo total de 50 quilómetros.
3. Lexislar o sector establecendo unha serie de parámetros que deban cumprir as instalacións en canto aos materiais que entran como aos que saen.
4. Regular a xestión do dixestato xerado despois do proceso de biometanización.
5. Restrinxir a circulación de transporte pesado relacionado con estas instalacións, que non poderán transitar polos cascos urbanos e núcleos de poboación no rural.

USO DO GALEGO

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, realizou declaracións á entrada do pleno municipal nas que manifestou unha dura crítica á recente postura do Partido Popular sobre o recoñecemento oficial do galego na Unión Europea. Arroxo cualificou de “sorprendente e tráxico” o cambio de rumbo do PP, lembrando que “no Parlamento galego defenderon a oficialidade do galego na UE, pero agora, por imposición da liña máis radical dirixida por Isabel Díaz Ayuso, mesmo o presidente da Xunta de Galiza se opón a que a lingua propia de Galiza se fale en Europa, cando hai poucos meses defendían o contrario”.

O portavoz do BNG advertiu que “a nosa lingua está vivindo un momento moi complicado, con datos escalofriantes especialmente entre a xente máis nova”, e cualificou de “auténtica traizón” este xiro do Partido Popular galego, que atribuíu á presión do sector máis conservador do partido.

No eido local, Rubén Arroxo puxo o foco sobre a necesidade de avanzar no proxecto de creación do Gran Parque Central de Lugo. “Estamos a recoller sinaturas para amosar que existe un gran apoio social a esta iniciativa, só onte foron varios centos as persoas que se sumaron”, explicou Arroxo. O BNG manterá a mesa de recollida de sinaturas nas tardes deste xoves e venres, e en próximas datas presentará unha iniciativa no Parlamento galego para instar á Xunta a recuperar un proxecto que xa se debatera no seu día: “este espazo público debe ser máis completo, con parque, aparcadoiro e aproveitando as obras para soterrar as rúas Cidade de Vigo, o que permitiría crear un gran aparcadoiro para o centro e un gran espazo público verde”.

Segundo Arroxo, “o parque, xunto coa Praza da Constitución e a Mosqueira, permitiría sumar dúas hectáreas de zona verde, un auténtico luxo para a cidadanía, ao carón da muralla”.

⚙ Configurar cookies
0.16827416419983