O pleno de Monterroso apoia a reclamación de solucións aos problemas de telefonía, luz e fibra do municipio

O BNG de Monterroso levou ao pleno municipal do mes de marzo unha moción para reclamar actuacións urxentes que dean solución aos problemas que sofre a veciñanza en materia de telefonía móbil, subministración eléctrica e acceso á fibra óptica, unha iniciativa que finalmente foi aprobada polo pleno do Concello.
O portavoz nacionalista, Brais Vázquez, denunciou durante o debate que “é moi grave que en 2026 haxa veciñas e veciños de Monterroso que teñan peor cobertura telefónica que hai dous anos”. Neste sentido, lamentou que moitas persoas teñan que “andar facendo auténtico tetris co router ou buscando puntos concretos da casa para non perder unha reunión de teletraballo, para que funcione un TPV nun negocio ou para garantir o funcionamento dun dispositivo de teleasistencia cando realmente fai falta”.
Para o BNG, esta situación non é admisible nun concello que quere manter poboación, atraer actividade e garantir calidade de vida no rural. “A veciñanza precisa servizos dignos e tamén representantes públicos que presionen para que estes problemas se resolvan”, sinalou Vázquez.
A moción tamén puxo o foco nos microcortes de luz que se están a producir en distintos puntos do concello e que están a causar problemas en todo tipo de dispositivos electrónicos e instalacións. O BNG alerta de que estas interrupcións non son episodios illados, senón unha situación repetida que está a xerar prexuízos tanto nos fogares como nas explotacións e nos negocios.
“Falamos de cortes breves, pero constantes, que afectan desde frigoríficos até equipos informáticos ou robots de ordeño, e que non poden considerarse algo normal nin inevitable”, advertiu Brais Vázquez. O portavoz nacionalista considera que detrás desta situación existe un deficiente mantemento da liña eléctrica por parte da compañía subministradora, polo que reclamou que as administracións competentes actúen para garantir que as usuarias e usuarios reciban “nin máis nin menos que o servizo que están pagando”.
No relativo á fibra óptica, o BNG insistiu en que Monterroso non pode seguir arrastrando zonas sen acceso a unha conexión de calidade, especialmente na parte nordeste do municipio, preto do Camiño de Santiago, onde este servizo continúa sen chegar malia ser xa unha infraestrutura esencial.
“Non estamos a falar dun luxo, estamos a falar dun servizo básico para vivir, traballar, emprender e fixar poboación no rural”, subliñou Vázquez, quen engadiu que “non ten sentido que unha zona con tránsito e potencial como esta continúe sen fibra mentres noutras partes xa se dá por feito algo que aquí segue sen estar garantido”.
A través desta iniciativa aprobada polo pleno, o BNG reclama que o Concello de Monterroso inste ás compañías e ás administracións competentes a adoptar medidas concretas para mellorar a cobertura móbil, rematar cos problemas na rede eléctrica e avanzar na extensión da fibra óptica a todo o municipio.
Na mesma sesión plenaria, o BNG tamén trasladou outras demandas relacionadas co mantemento das infraestruturas municipais. Entre elas, solicitouse a substitución da marquesiña de San Pedro, así como o mantemento das existentes e a instalación de novas marquesiñas naqueles lugares que funcionan como punto de recollida do alumnado e que actualmente non contan con esta protección.
Do mesmo xeito, a formación nacionalista pediu actuacións para arranxar os estragos existentes nas beirarrúas, co obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade para a veciñanza.
“No pleno grazas ao traballo do BNG deuse un paso importante para defender servizos básicos e mellorar infraestruturas que afectan directamente á vida diaria da veciñanza. Agora o que toca é que estas medidas se traduzan en actuacións reais”, concluíu Brais Vázquez.