O Pleno de Outeiro de Rei acorda instar á Xunta a que aumente as axudas á produción ecolóxica
O Grupo Socialista de Outeiro de Rei defendeu unha moción, na pasada sesión plenaria, instando á Xunta a aumentar o presuposto das axudas para a produción ecolóxica para cada ano do período 2023-2027. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.
“Agora evidenciamos un cambio de postura do PP, que tivo que recuar debido á presión social e tamén dos propios produtores que traballan neste sector, que denunciaron que o 54% das explotacións ecolóxicas de Galicia quedaron sen axuda”, advirten dende o PSdeG. A través desta proposta, reclamaron á Xunta completar con fondos propios a cantidade orzamentada no 2022 ata acadar os 5,6M€ que son necesarios para cubrir tódalas solicitudes.
Propoñen ao PP “fornecer economicamente o orzamento destinado para as axudas ás producións ecolóxicas para cada ano do período 2023-2027, e instan á Xunta a darlle publicidade e transparencia ás decisións adoptadas para público coñecemento das e dos produtores en ecolóxico, co fin de que poidan reconducir as súas explotacións evitando perdas económicas inxustificadas”.
Segundo os datos, a Xunta “deixou sen axudas a un total de 318 agricultores/as e gandeiros/as, a metade deles na provincia de Lugo, así como o 43% das hectáreas solicitantes, o que pode supoñer o abandono das producións ecolóxicas”, inciden dende o PSdeG.
A voceira Socialista de Outeiro de Rei, Carmen Acacio, lembrou ademais que o Goberno de Pedro Sánchez habilitou unha liña de axudas extraordinarias con fondos propios para axudar ó sector agrogandeiro a afrontar a situación xerada pola guerra de Ucraína, “pero lamentablemente o Executivo galego non aportou nin un só euro para esta finalidade”.
Concretamente, o Goberno de Pedro Sánchez aboou un total de 55.344.209 euros a 6.343 explotacións leiteiras de Galicia para paliar os efectos do conflito de Ucraína no sector. Na provincia de Lugo, un total de 2.835 explotacións cobraron 25.115.414,70 euros. No concello de Outeiro de Rei, percibiron 353.004 euros en axudas. Polo tanto, recalcan os socialistas, “os gobernos de progreso benefician á nosa veciñanza”.