O Pleno de Outeiro de Rei ratifica as bonificacións dos impostos, a rebaixa da taxas e a conta do pasado ano

LugoXa | TerraChaXa
No apartado de rogos e preguntas, o PSOE presentou unha petición para o arranxo da estrada de Mosteiro, preto do campo da festa
pleno-outeiro-de-rei
23 Dec 2025

O Pleno de Outeiro de Rei, celebrado con antelación ao habitual pola coincidencia coas festas de Nadal, ratificou esta mesma mañá de luns as disposicións normativas que permitirán á poboación da localidade obter bonificacións en impostos como o IBI, o IAE e o ICIO, en especial a aquelas empresas que queiran instalarse na vila. Esta medida contou cos votos a favor do equipo de Goberno, oito, porque un non asistiu por estar enfermo, e do PSOE.

Este punto xerou a protesta dos concelleiros do BNG, xa que foi introducido no último momento, pero a secretaria do Pleno interviu para explicar, a petición do alcalde, José Pardo, que o proceso foi “transparente e legal”. Tras ser sometido a votación a idoneidade do mesmo, cos votos en contra do BNG, acabou aprobándose por clara maioría.

E canto ás bonificacións polas taxas de expedición de licenzas urbanísticas de actividade, de apertura, de primeira utilización e de realización de actividades administrativas de control, que tamén se presentaban para ratificación, houbo unanimidade e aprobouse sen intervencións.

O mesmo pasou co peche e liquidación da conta xeral do 2024, que tamén foi aprobada sen intervencións dos concelleiros aínda que nesta ocasión cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE.

O punto que xerou máis debate foi a única moción da orde do día, defendida polo BNG, co apoio da concelleira do PSOE. Nela, os nacionalistas pedían o apoio do equipo de Goberno para a implantación de varias medidas para incentivar o uso da lingua galega entre a mocidade. Entre elas figuraba a adhesión a varias iniciativas postas en marcha pola Xunta e a RAG que implican a realización de actividades ou mesmo a creación dun servizo de Normalización Lingüística. O PSOE, secundou a moción lembrando que é unha obriga xurídica das administracións o uso da lingua galega e que os datos que se manexan apoian a existencia dunha “emerxencia lingüística”.

O alcalde, José Pardo, foi contundente para rexeitar a moción, asegurando que a baixada de galego falantes está motivada pola “imposición” que fan os grupos nacionalistas entre a xente moza. “O galego deféndese usándoo non obrigando aos demais a facelo”, sentenciou o mandatario. Asegurou que o concello non ten ningún problema co uso do galego para necesitar un servizo de normalización lingüística e que os cartos que se necesitarían para implantalo “poden ser dedicados a cousas máis urxentes e necesarias para a poboación”, explicou. Polo tanto, a moción contou con 8 votos en contra e 4 a favor e quedou rexeitada.

ROGOS E PREGUNTAS

No apartado de rogos e preguntas, o PSOE presentou unha petición para o arranxo da estrada de Mosteiro, preto do campo da festa, onde nunha curva hai unha zona en moi mal estado que a concelleira urxe arranxar. Tamén falou da conveniencia de colocar un espello nesta zona. O alcalde afirmou que non vía conveniente a colocación do espello e que se reparará a vía conxuntamente cando sexa o seu momento.

Pola súa banda, o BNG propuxo que a matriculación dos alumnos das actividades extraescolares se faga de forma en liña, para evitar colas e que os veciños non teñan que pedir nos traballos para facer esta xestión.

O equipo de Goberno estivo de acordo con esta medida, na que “se traballará”, aínda que dixo o alcalde que se manterá a inscrición nas oficinas para aqueles que así queiran facelo.

Outro rogo dos nacionalistas reclamou a protesta municipal pola “calidade de atención do servizo de pediatría”. Pardo recoñeceu que “non temos a atención pediátrica que nos gustaría”, pero aludiu á falta de médicos en todas as especialidades e en todo o rural para cubrir as prazas e asegurou que “estou preocupado por ese tema e pendente do que pase”.

No apartado de preguntas, o PSOE preguntou polos plans para adherirse a asociación de industrias cárnicas, ao que o Goberno local dixo que non tiveron contacto aínda pero que en breve se fará. O BNG preguntou pola intención de facer a homenaxe a dous irmáns da localidade que morreron no campo de concentración de Mauthausen. O alcalde dixo que se celebrarían todos os actos conxuntamente cando se estableza o día.

Tamén respondeu positivamente ao feito de instalar un Centro de Información á Muller no concello. Asegurou o alcalde que está en negociacións coa Xunta para definir un edificio que o poda acoller.

Sobre a cuestión dos cortes no subministro de auga que preguntou o BNG respondeu o Goberno local que se está a traballar no proxecto de ampliación da potabilizadora, unha acción que mellorará a turbidez da auga.

Lembrou que a rede de subministro de auga en Outeiro de Rei é “enorme e que están traballando continuamente en melloras para que nun prazo estimado de dous meses este sexa mellor”.

⚙ Configurar cookies
0.092178106307983