O Pleno de Outeiro rexeita a proposta do BNG para reinvertir os cartos da recadación no rural
O BNG de Outeiro levou ao Pleno de onte unha proposta onde se demandaba que os próximos orzamentos contemplasen os máis de 500.000€ que vai recadar o Concello coa nova valoración que fan das fincas situadas nos núcleos rurais.
Na mesma proposta tamén se solicitaba que estes cartos recadados a maiores se habilitaran partidas para levar o saneamento aos núcleos rurais do concello, xa que se as súas fincas van pagar como se fosen urbanas, deberían ter tamén o servizo destas fincas urbanas, como contempla ademais a propia lei urbanística da Xunta na definición de finca urbana.
Hai que lembrar que esta recualificación que se leva a cabo afecta practicamente a todos os veciños e veciñas que viven no medio rural e que vai supor que se lles multiplique o que pagan de IBI por varios enteiros, supoñendo a subida de impostos máis importante que se produciu nos últimos anos, incluíndo todas as administracións.
Ademais disto, hai que ter en conta que o alcalde xa leva manifestado publicamente que vai aplicar o efecto retroactivo da revalorización, co que os veciños e veciñas terán que pagar esta espectacular suba polos últimos catro anos, ademais deste en vigor. O aumento da recadación neste ano 2021 estímase nunha cantidade que pode oscilar entre 500.000€ e 1.000.000 €
“Parécenos unha proposta moi razoable, pois hai que ter en conta que neste momento este servizo chega a pouco máis que ás áreas urbanas da vila e ás urbanizacións, carecendo del a gran maioría do concello, sendo unha das cuestións máis demandadas pola veciñanza” continuou dicindo Xosé Ferreiro.
O alcalde votou en contra da proposta do BNG aínda a sabendo que era xusta, pois necesita os cartos para “tapar” o burato económico ao que sumiu o concello nos últimos anos, levando a cabo obras “faraónicas” que ninguén solicitaba, contratacións de persoal completamente esaxeradas ou subidas de salario a persoas puntuais que non se sosteñen.
“É unha decisión política: Pódense usar estes cartos para dotar deste servizo a unha boa parte da poboación que vive no rural ou pódese seguir a contratar persoal sen control e facer obras moi custosas que non teñen ningún sentido. Esa é a decisión política que tomou hoxe o alcalde”, rematou dicindo o concelleiro do BNG.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
No Pleno tamén foi aprobada a ordenanza municipal reguladora do uso de zoas verdes e áreas recreativas do Concello de Outeiro de Rei.
O debate comezou coa mención da área recreativa de Santa Isabel, lugar de uso público que actualmente está necesitado de certa vixiancia/control. Propúxose a creación dun abono, con desconto para os cidadáns de Outeiro de Rei, para o estacionamento no parking da área recreativa xa mencionada. Este abono será único pero cubrirá todos os vehículos dunha mesma unidade familiar. Os distintos partidos tamén deron conta da necesidade de establecer un permiso exclusivo para residentes das zonas colindantes, punto no cal todos están de acordo. A votación rematou con 9 votos a favor e 3 abstencións.
Ademais, por unanimidade aprobouse a renunica do concelleiro Francisco Xabier Molinos Campos e a moción socialista na que se pedía revisar a hora das sesións para facilitar o acceso aos plenos tanto aos conselleiros que teñen traballo e non se dedican tan só á política, como a todos os cidadáns posibles que desexen participar nestes.