O Pleno de Portomarín avala as mocións socialistas a favor da educación e a sanidade

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín celebrou a aprobación no Pleno das súas mocións en defensa da educación pública e da sanidade, dous asuntos que preocupan especialmente á veciñanza. Pola contra, criticou que o Partido Popular volve dar as costas ao concello ao rexeitar a renovación do camión motobomba dos anos noventa, unha ferramenta obsoleta e imprescindible para garantir a seguridade fronte aos incendios.
No ámbito educativo, a moción socialista chega poucos días despois das mobilizacións da ANPA do CEIP Virxe da Luz contra os recortes de profesorado e a obrigación de agrupar nunha soa aula alumnado de varios cursos, malia o aumento de matriculacións. O voceiro do PSdeG, Sergio Vázquez, subliñou que “estamos a falar da supervivencia da escola rural. Mentres as familias saen á rúa para defender o dereito a unha educación digna, a Xunta do PP segue recortando recursos e castigando os concellos pequenos”.
Grazas á iniciativa, o Pleno acordou reclamar que se manteña o cadro docente co cuarto profesor de Primaria, cubrir de inmediato a praza de Inglés e respectar as ratios pactadas cos sindicatos. “Celebramos o apoio á nosa moción, pero non abonda con votar a favor: agora agardamos que Xunta e goberno local actúen de inmediato para garantir os recursos necesarios para a escola de Portomarín”, advertiron os socialistas.
No ámbito sanitario, a segunda moción esixía á Xunta a cobertura inmediata da praza de médico vacante no Centro de Saúde tras a xubilación da anterior facultativa e o reforzo do servizo nos meses de maior afluencia de peregrinos. Vázquez lembrou que “levamos case cinco anos con esta praza sen cubrir, unha situación inadmisible. Mentres noutros concellos do Camiño de Santiago se mellorou a cobertura médica, en Portomarín seguimos igual ou peor”.
No capítulo de seguridade, o PSdeG propuxo a renovación do camión motobomba, pero o PP rexeitou a iniciativa alegando que o vehículo actual “segue funcionando mentres pase a ITV”, comprometéndose a tramitar a compra dun novo camión. Os socialistas subliñaron que se trata dun servizo esencial e dunha ferramenta de prevención que pode marcar a diferenza ante emerxencias.
Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade cambiar o nome do campo municipal de fútbol a Chao da Poza “Marcos Arias Rodríguez”, en homenaxe a Marcos Arias, antigo concelleiro, voceiro socialista e presidente do Portomarín C.F., deixando unha profunda pegada no municipio.
“Desde o PSdeG-PSOE continuaremos defendendo con responsabilidade e firmeza os servizos públicos de Portomarín. A educación, a sanidade e a seguridade non son opcións, son dereitos básicos da veciñanza que o PP non garante e que nós seguiremos poñendo no centro da nosa acción política”, concluíron os socialistas.