O Pleno de Rábade apoia o proxecto de cohousing que se fará na localidade

TerraChaXa | LugoXa
O Goberno local do Concello de Rábade presentou unha moción ao Pleno para amosar o apoio da Corporación a iniciativas de creación de vivendas colaborativas (cohousing) en ámbitos rurais e, nomeadamente, ao proxecto de cohousing Lar do Regueiro.
cohousing rabade
21 Sep 2023

O Goberno local do Concello de Rábade presentou unha moción ao Pleno para amosar o apoio da Corporación a iniciativas de creación de vivendas colaborativas (cohousing) en ámbitos rurais e, nomeadamente, ao proxecto de cohousing Lar do Regueiro. A proposta foi aprobada por unanimidade.

Desde o Goberno local consideran que este tipo de iniciativas constitúen unha oportunidade que non se pode desaproveitar por parte de pequenos concellos do interior, como é o caso de Rábade, no marco dunha estratexia pública orientada ao reto demográfico, no que a cohesión territorial e con ela a sustentabilidade ambiental e a habitabilidade humana deben ser entendidas como unha prioridade dentro dun novo modelo de país aliñado coas axendas internacionais de desenvolvemento sostible que poñen ás persoas no centro da súa acción.

A alcaldesa, Remedios González, explica a importancia de aprobar esta moción unha vez coñecido o proxecto de vivenda colaborativa Cohousing Lar do Regueiro, “un proxecto liderado por veciños e veciñas deste municipio que conta cun grao de definición e viabilidade técnica e económica que merece o apoio por parte da Corporación local”.

Trátase, segundo explica, dun modelo de convivencia que vén suscitando un interese crecente no noso país, onde as persoas maiores tomaron a dianteira e outros colectivos embarcándose neste tipo de proxectos, xa que está demostrado que o cohousing é unha contorna ideal para vivir o envellecemento cunha alta calidade de vida e mellor saúde.

Na iniciativa tamén se insta á Xunta de Galicia para que dote a estas iniciativas dun marco legal axeitado que posibilite a súa execución dende un punto de vista urbanístico e de ordenación do territorio en ámbitos rurais, tal e como se fai noutras comunidades autónomas.

0.16604709625244