O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo deu comezo coa intervención do tenente alcalde, Rubén Arroxo, que aproveitou a sesión para anunciar a posta en marcha inmediata dunha serie de medidas destinadas a facer fronte ás altas temperaturas e para reclamar á Xunta de Galicia investimentos urxentes nas infraestruturas educativas da cidade.
No que respecta á saúde laboral, Arroxo informou de que, como parte das actuacións previstas, o Cemiterio Municipal deixará de realizar enterramentos entre as 13:00 e as 17:00 horas, co fin de evitar a exposición do persoal e das persoas usuarias ás horas de maior calor. Tamén se modificará o horario de traballo da Brigada Municipal de Vías e Obras, adaptando as intervencións para garantir a seguridade dos operarios municipais.
Durante a súa intervención, o tenente alcalde sinalou que “cada ano vemos como en distintas zonas do Estado a calor provoca problemas serios de saúde a quen traballa nas rúas”, e subliñou que desde a Tenencia de Alcaldía búscase “garantir o benestar do persoal público nos meses de máis calor”. Ademais, anunciou a instalación de vinilos anticalor nas Escolas Infantís Municipais, unha medida que segue as recomendacións legais e busca evitar a acumulación de calor no interior das aulas, mellorando así as condicións das nenas e nenos.
No pleno, Arroxo tamén fixo unha chamada á responsabilidade da Xunta de Galicia para que invista nos centros educativos de Lugo. Criticou a falta de actuacións en materia de illamento térmico e puxo como exemplo o colexio das Mercedes, que leva máis de corenta anos sen recibir investimentos. Lembrou que recentemente se produciu a caída dunha parte da cuberta do centro, un feito que podería indicar outras deficiencias estruturais.
"Sumámonos ás reivindicacións da ANPA das Mercedes e doutras asociacións de nais e pais que levan anos pedindo actuacións urxentes", afirmou Arroxo, quen insistiu na necesidade de mellorar as infraestruturas educativas para garantir espazos seguros e axeitados para o ensino.
Estas intervencións foron expostas ao inicio do pleno como parte do compromiso da Tenencia de Alcaldía coa saúde laboral e coa defensa dos servizos públicos, especialmente nun contexto de cambio climático que esixe respostas inmediatas e coordinadas por parte das administracións.