O pleno do Concello de Lugo abordou diversos asuntos, incluídos os contadores de auga

O Concello de Lugo celebrou un pleno extraordinario no que se trataron diferentes asuntos de interese municipal, entre eles a situación dos contadores de auga. Durante a sesión, o Grupo Popular presentou unha proposta para que se clarificase cales son os modelos de contadores que deben instalar os lucenses antes do prazo fixado pola normativa estatal, que remata en outubro.
Segundo o PP, dende o ano 2020 xa se sabía que os contadores con máis de 12 anos debían ser renovados ou verificados antes do 24 de outubro de 2025, pero a súa proposta para establecer criterios claros foi rexeitada polo bipartito formado por PSOE e BNG. Os populares sinalaron que, a pesar do voto en contra, o bipartito se viu obrigado a recoñecer que é responsabilidade do Concello liderar este proceso, unha rectificación que, segundo o PP, só se produciu pola presión da oposición.
O Grupo Popular subliñou que “cando tes os deberes sen facer e a oposición che amosa os erros, o mínimo que se espera é rectificar, poñerse a traballar e pedir desculpas” e insistiu en que PSOE e BNG teñen a responsabilidade de xestionar con seriedade e rigor para evitar improvisación e falta de planificación.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, cualificou o pleno como innecesario, afirmando que o tema podería ser tratado perfectamente no próximo pleno ordinario, evitando gastar recursos e tempo en cuestións políticas: “Quedou claro que non se busca ningún acordo nin solución, senón crear alarma e sacar réditos políticos, como en case todas as actuacións que están a levar a cabo”.