O pleno do Concello de Lugo tratou a vaga de lumes e proxectos de seguridade e infraestruturas

O pleno do Concello de Lugo comezou co anuncio de Rubén Arroxo, tenente alcalde e concelleiro do BNG, que anunciou que o San Froilán 2025 comezará o 4 de outubro cun canto aberto da canción O Carro, de Fuxan os Ventos, durante os actos do Pregón das festas que darán inicio ás 12:00 horas na praza de Santa María.
O Pregón deste ano estará a cargo da xornalista Cristina Lombao, e a iniciativa, aberta a toda a veciñanza, contará coa dirección musical de Fernando Jácome e Bruno Villamor. As persoas asistentes recibirán as partituras para participar na interpretación, que tamén contará coa presenza de integrantes de Fuxan os Ventos, asegurando un arranque musical da gran festa do outono galego.
Xa durante o pleno, Arroxo denunciou os atrasos nas obras que a Xunta de Galicia executa na praza de Santa María, prorrogadas cinco días, o que supuxo un traballo extra para a organización do San Froilán. Subliñou que a achega da Xunta ás festas, de 25.000 euros, resulta insuficiente, especialmente en comparación con investimentos de máis de 3 millóns de euros en eventos culturais fóra de Lugo. Aínda así, explicou que os departamentos municipais traballaron para que a afectación da obra se limitase a unha pequena redución da capacidade da praza.
Tamén, a concelleira Maite Ferreiro defendeu unha iniciativa para reclamar responsabilidades á Xunta pola vaga de lumes que afectou máis de 143.000 hectáreas en agosto, e pediu cambios na política forestal e rural. A proposta incluíu a creación dun Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental, un Plan de Emprego Verde, moratoria de novas plantacións de eucalipto, reforzo dos servizos de extinción e 70 brigadas móbiles de vixilancia, así como a revitalización socioeconómica do rural.
O PP centrouse en seguridade, infraestruturas e servizos sociais
Pola súa parte, o grupo municipal do PP levou ao pleno 12 iniciativas centradas nas necesidades das persoas e na modernización das infraestruturas da cidade. Entre as propostas destacou a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) formada por unha vintena de axentes especializados para reforzar a seguridade cidadá.
Tamén reclamaron a mellora das condicións laborais e a aprobación de protocolos propios no servizo de axuda no fogar (SAF), co obxectivo de protexer tanto a usuarios como ás traballadoras. Neste punto, a edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, dixo que Elena Candia quere "dinamitar as institucións".
O PP, ademais, destacou a reparación urxente da ponte sobre o río Fervedoira, entre Rubiás e Pedreda, prometida hai máis de 12 anos polo PSOE e aínda non realizada. Esta iniciativa non contou co respaldo dos partidos de Goberno e os populares lembraron que "o que hoxe é alcalde aseguraba no pleno que a reparación desta infraestrutura era posible e que había cartos. Hoxe volve dicir o mesmo, a súa concelleira Ana Abelleira di que non e, ao final, ambos membros do goberno votan en contra de cumprir esa palabra dada".
Porén, a corporación mostrou o seu apoio unánime a outro punto que levaron os populares: a necesidade de investimentos en infraestruturas estratéxicas para evitar que Lugo quede illado, especialmente tras coñecerse que a cidade non aparece nos plans do Goberno central nin nos estudos previos. A votación produciuse tras o enfrontamento entre o Goberno local e a oposición, centrado na análise da inversión realizada polos distintos gobernos, tanto do PP como do PSOE.
Finalmente, presentaron catro rogos específicos: a reorganización do tráfico na praza de Conde Fontao e no vial da nova intermodal, a limpeza de pistas e franxas secundarias como medida de prevención fronte aos lumes, o recoñecemento público á Cruz Vermella dedicándolle unha rúa ou praza, e a execución do proxecto de traída de auga e saneamento ao barrio de Piñeiro, na parroquia de Muxa, dando resposta ás demandas da veciñanza.