O pleno do Consello Forestal de Galicia debatirá o proxecto de Altri en Palas

LugoXa
Respóndese así á solicitude do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigas da Terra e a Asociación Frouma
altri-bosque
Imaxe de arquivo
21 Maio 2024

O proxecto de macrocelulosa de Altri será debatido durante o pleno do Consello Forestal de Galicia, convocado para este xoves 23 de maio. Respóndese así á solicitude do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Organización Galega de Comunidades de Montes, Amigas da Terra e a Asociación Frouma.

Tamén, xunto coa Confederación Intersindical Galega (CIG), solicitaron a inclusión deste punto na orde do día do Consello Galego de Medioambiente e Desenvolvemento Social (COGAMADS), que terá lugar o 31 deste mesmo mes. Dende o SLG aseguran que existe a posibilidade de que este debate no Consello Forestal teña como obxectivo escenificar que a Xunta está alineada cos plans de negocio das empresas privadas que explotan madeira nos montes, así como con outras corporacións con grande influencia no Goberno galego.

Porén, o Consello Forestal constitúe a principal canle de participación da sociedade galega para potenciar a xestión sustentable e fomentar o desenvolvemento do monte, polo que consideran importante que sexan abordadas neste órgano consultivo as repercusións da posible instalación desta macropasteira de celulosa vexetal a base de madeira de eucalipto, que viría a incrementar as problemáticas derivadas do seu monocultivo intensivo, tales como o risco de incendios forestais, a perda de biodiversidade, a destrución de masas de frondosas autóctonas e a degradación dos solos.

Instarán á Xunta de Galicia a explicar baixo que criterio está a fomentar un proxecto que demandaría altas cantidades de madeira de eucalipto, se neste momento está vixente a moratoria introducida na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, na que se prohiben as novas plantacións desta especie ata finais do ano 2025.

Proliferación de eucalipto

O motivo de introducir a moratoria foi precisamente a alta proliferación de eucalipto, provocada, aseguran, entre outras industrias, pola alta demanda da fábrica de celulosa ENCE, que é dez veces máis pequena do que sería a de Greenfiber, así como o intento de preservar áreas do interior sen plantacións de eucalipto. Galicia dispón aproximadamente de 647.600 ha. de superficie agraria útil (SAU) fronte a 2.000.000 de terras forestadas.

O que supón practicamente catro veces máis extensión que a que dedicamos a producir alimentos para os case tres millóns de persoas que vivimos na Galiza. Este é un dos motivos polo que, malia ao noso claro potencial como produtoras de alimentos, somos o territorio con menos SAU de todo o Estado. Lembran que foron presentadas máis de 25.000 alegacións ao proxecto de construción desta factoría.

A día de hoxe xa se superaron as previsións de plantacións de eucalipto que figuraban inicialmente no Plan Forestal de Galicia para o ano 2030, de modo que a prohibición de novas plantacións enmárcase no sentido de evitar que o monocultivo de eucalipto exceda as proporcións previstas en relación a outras especies forestais.

A aprobación deste proxecto de macrocelulosa iría no sentido totalmente contrario a esta formulación, sendo o elemento acelerador de novas plantacións de eucalipto en Galicia, aumentando a perda de superficie agraria útil, a destrución da biodiversidade dos bosques e o cambio de modelo produtivo no ámbito forestal, así como o risco de sobreexplotación para os acuíferos e zonas húmidas.

0.20435404777527