O polígono industrial das Gándaras será ampliado, alcanzando os 1,6 millóns de m2

LugoXa
Durante a súa intervención, a titular de Economía explicou que a Xunta de Galicia vén de sacar a licitación o proxecto de urbanización de dúas novas fases de obras
Polígono-industrial-As-Gándaras-PP
20 Mar 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou a ampliación do polígono industrial das Gándaras, en Lugo, que aumentará a súa superficie nun 28%, ata acadar os 1.600.000 metros cadrados. “Hoxe é un día importante para a cidade de Lugo e para toda a súa contorna”, destacou Lorenzana durante a súa visita ao parque empresarial.

Durante a súa intervención, a titular de Economía explicou que a Xunta de Galicia vén de sacar a licitación o proxecto de urbanización de dúas novas fases de obras (VI e VIIB), que suporán a incorporación de 352.153 metros cadrados máis ao polígono. “Con esta ampliación, a capacidade do parque pasa de 1,2 millóns de metros cadrados a 1,6 millóns”, subliñou.

Lorenzana enmarcou esta actuación dentro da estratexia autonómica de desenvolvemento de solo industrial, co obxectivo de promover un crecemento equilibrado en toda Galicia. “Queremos apostar con forza pola provincia de Lugo, porque cremos no seu potencial para atraer e consolidar proxectos empresariais. Para nós é fundamental satisfacer a demanda alí onde realmente existe”, afirmou.

A conselleira lembrou que a Xunta leva investidos xa preto de 60 millóns de euros neste parque empresarial, e que no 2024 destináronse máis de 400.000 euros adicionais para a mellora da seguridade e das infraestruturas dos polígonos existentes na provincia.

O polígono das Gándaras, onde actualmente operan máis de 130 empresas, é un dos enclaves industriais máis consolidados da área. As novas fases de urbanización servirán para mellorar as redes de comunicación internas e a conexión exterior do parque, reforzando a súa integración no contorno urbano. Trátase dunha demanda histórica do tecido empresarial local.

Na actualidade, o parque conta con dous accesos desde a Rolda Norte, mediante as rúas Aller Ulloa, Ramón María (antes rúa A) e Cardóniga Carro, Rafael (antes rúa C), ademais de conexións mediante pasos elevados co polígono do Ceao.

A ampliación inclúe unha nova conexión con este polígono a través do paso elevado sobre a vía do tren na terminal de mercadorías situada no noroeste do parque, o que facilitará un acceso máis directo á autovía A6. Así mesmo, mellorarase a seguridade do enlace coa estrada a Muxa mediante a construción dunha rotonda.

A conselleira destacou que o desenvolvemento futuro destas novas fases permitirá unha disposición escalonada do solo, adaptándose á demanda presente e futura. Deste xeito, mentres avanzan as obras xa iniciadas, iníciase simultaneamente a tramitación da seguinte etapa, garantindo o crecemento continuo do polígono das Gándaras.

⚙ Configurar cookies
0.81945490837097