O Politécnico de Lugo incorpora un torno CNC con eixo Y para reforzar a FP de Fabricación mecánica

O Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo vén de incorporar un novo torno de control numérico con eixo Y destinado aos ciclos da familia profesional de Fabricación mecánica. Segundo explicou a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, esta ferramenta intégrase nun investimento de 3,4 millóns de euros que a Xunta está a destinar este curso á renovación do equipamento especializado nos centros de Formación Profesional.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou que este novo recurso permite ao alumnado traballar con tecnoloxía industrial de última xeración, facilitando a aprendizaxe con interfaces actuais, simulación 3D e programación CNC avanzada en condicións equiparables ás dun contorno empresarial real. Ao seu xuízo, este avance supón un salto cualitativo na preparación do estudantado, ao adaptalo ás esixencias actuais da industria e facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.
A máquina adquirida destaca polas súas altas prestacións e está deseñada para fabricar pezas complexas mediante procesos integrados de torneado e fresado nun único amarre, tal e como se realiza nas contornas produtivas. Isto permite elaborar compoñentes que normalmente precisarían pasar por un torno e posteriormente por unha fresadora, reducindo tempos de traballo e aumentando a precisión ao evitar o traslado da peza entre distintas máquinas.
O torno incorpora o eixo Y, ademais dos tradicionais X e Z, o que posibilita o desprazamento vertical da ferramenta e a execución de mecanizados máis complexos sen retirar a peza. Dispón tamén de ferramentas motorizadas e sistemas automáticos de medición e verificación, favorecendo unha formación práctica centrada na exactitude, na eficiencia e na optimización dos procesos industriais.
No marco da súa visita a Lugo, a directora xeral achegouse tamén ao CIFP As Mercedes, onde coñeceu o novo espazo de tecnoloxía aplicada Retail Lab 4.0: Innovación e tecnoloxía para o comercio do futuro, dirixido ao alumnado da familia profesional de Comercio e Márketing.
Este novo ámbito recrea un establecemento comercial real no que o estudantado pode desenvolver competencias prácticas en escaparatismo, visual merchandising, xestión de produtos, estratexias de venda e comercio dixital. O espazo está dotado con sensores para a recollida e análise de datos, sistemas de creación de mapas de calor, ferramentas de neuromárketing, pantallas interactivas, realidade aumentada e un sistema real de xestión de stock conectado a unha tenda en liña para simular operacións comerciais auténticas.
Con esta iniciativa refórzase a conexión co tecido empresarial e actualízase a formación incorporando tecnoloxías avanzadas para analizar o comportamento do consumidor e mellorar a presentación e xestión de produtos. A aula forma parte dunha rede de 115 espazos de tecnoloxía aplicada en centros galegos de FP, unha actuación na que a Xunta investiu 6,3 millóns de euros nos últimos catro anos.