O polo aeroespacial recibirá 12,3 millóns de euros máis do Estado
Este investimento obtido pola Xunta a través do Plan Complementario de Biodiversidade súmase aos 40M€ de fondos propios xa comprometidos na Estratexia Aeroespacial 2021-2025. É unha das seis comunidades autónomas participantes neste programa estatal e, xunto con Canarias, a que conta con máis financiamento.
Galicia amplía a 52,3 millóns de euros os fondos destinados á licitación de Compra Pública Precomercial para a selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que desenvolver o novo programa de I+D no Polo Aeroespacial de Galicia. Aos 40M€ de fondos propios xa comprometidos, súmanse os 12,34M€ obtidos do Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación -ligado ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea- para o desenvolvemento dun programa destinado á monitorización e observación da biodiversidade no que se utilizarán sistemas aéreos e mariños non tripulados para a captura de datos.
O programa realizarase no marco deste plan complementario aprobado na conferencia sectorial, na que participaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey.
Galicia é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma que recibe máis financiamento do Plan Complementario de Biodiversidade. A Comunidade recibirá 12,34M€ e achegará 10,6M€ de fondos propios que xa estaban incluídos pola Xunta dentro do orzamento da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, para o desenvolvemento destas actuacións. Andalucía, Asturias, Estremadura e Baleares son as outras catro autonomías participantes.
Este novo financiamento vén reforzar a capacidade de investimento do Polo Aeroespacial de Galicia e constitúe unha gran oportunidade de crecemento para as pemes e centros de coñecemento galegos e para continuar creando e mantendo emprego de calidade en torno a este sector.
De feito, cómpre lembrar que para o desenvolvemento destes novos programas de I+D, a Xunta contará coa colaboración dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial. Actualmente, estase na fase de avaliación das nove candidaturas -Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit- que optan a traballar neste ámbito da man da Administración galega.
Liñas de actuación
No marco deste programa de investigación Galicia desenvolverá tres liñas de actuación. A primeira estará centrada no desenvolvemento e despregue de plataformas tecnolóxicas para misións de observación, captura e procesamento de datos de biodiversidade mediante sistemas aéreos e mariños non tripulados; a segunda abordará o desenvolvemento e integración de sensores en sistemas aéreos e mariños non tripulados para a observación e monitorización da biodiversidade e o desenvolvemento de misións de observación; e a terceira consistirá na creación dunha e-infraestrutura integrada para a observación da biodiversidade, que incluirá un centro de proceso de datos que se porá a disposición dos operadores públicos.
Para o deseño das misións a realizar estanse a manter consultas coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e, a futuro, teranse en conta as necesidades de observación de outros actores como a comunidade científica desta área de coñecemento.
Aliñamento coa RIS3 Galicia
Os plans complementarios constitúen un instrumento dirixido a establecer colaboracións coas comunidades autónomas en proxectos de I+D que teñan obxectivos comúns baseados nas Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómicas. Galicia xa contaba con 19,6M€ doutros tres plans complementarios para avanzar no Polo das tecnoloxías cuánticas, na biotecnoloxía aplicada á saúde e nas ciencias mariñas.
A aposta da Xunta pola biodiversidade está integrada na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, así como nos obxectivos definidos para o Polo Aeroespacial de Galicia ata 2025, nos que a sustentabilidade e os retos verdes constitúen grandes prioridades de actuación.