O Porta de Lugo reclama celeridade na construción do centro de saúde do Sagrado Corazón
A Asociación de Veciños Porta de Lugo e as veciñas e veciños da área do Sacro Corazón, recibiron con enorme satisfacción o acordo entre Concello de Lugo e Abanca, a través do acordo coa Fundación para o intercambio do antigo colexio do Sagrado Corazón por outro solar libre que o Concello cede en Catasol.
Á vista diso, veciños e veciñas entraron nun proceso de recollida de firmas para forzar que se precipite a cesión de espazos requiridos para inicialmente construír o anhelado centro de saúde. "Para iso a Consellería de Sanidade debe requirir ao Concello a entrega urxente dos terreos ou espazos necesarios e dotar ao barrio dunha boa carteira sanitaria", din.
Piden tamén que a Consellería de Política Social e Mocidade solicite igualmente do Concello os espazos necesarios dentro da área do vello colexio para construír un centro socio cultural de alto nivel, un centro de día e unha residencia de maiores e dependentes de 30 ou 40 prazas, "que poidan complementar as carencias do barrio e da cidade".
Entre outros servizos, expuxésense tamén: a asignación dun despacho-oficina para a Asociación de Veciños Porta de Lugo, a rehabilitación integral do vello cinema do barrio para actividades culturais, conferencias, recuperar en parte a zona deportiva e facilitar espazo físico para facilitar a mobilidade e acceso ao nº 16 do Polígono, ampliando a zona de escaleiras non aptas para persoas de mobilidade reducida, cunha rampla mecánica que de acceso a estas persoas e a cadeiras de rodas cara ao polígono.