O CN PortaMiñá destacou no Campionato de España Infantil e recibiu unha homenaxe do CD Lugo

O Club Natación PortaMiñá participou no Campionato de España Infantil de Inverno celebrado en Sabadell, onde pechou unha competición marcada polo esforzo e por uns resultados que reflectiron o traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses.
Os nadadores lucenses ofreceron un alto nivel en cada unha das probas, acadando destacadas marcas e consolidando o crecemento do equipo. Adrián Fernández foi un dos nomes propios do campionato, logrando a 8ª posición na final A dos 400 estilos cun tempo de 4.53.81, que supuxo a súa mellor marca persoal. Tamén conseguiu o 10º posto na final B dos 100 braza (1.12.53), o 1º lugar na final B dos 200 estilos (2.17.50), igualmente con mellor marca persoal, e rematou 10º na final A dos 400 libres cun rexistro de 4.24.10.
Pola súa banda, Patricia López competiu nos 800 libres, onde acadou a 21ª posición cun tempo de 9.48.75, tamén mellorando o seu rexistro persoal. Alba Lema participou nos 50 costas, finalizando na 37ª posición cunha marca de 32.82, que supuxo igualmente unha nova mellor marca persoal.
O balance do campionato deixou varias mellores marcas individuais e presenza en finais nacionais, confirmando o bo momento e a progresión do conxunto lucense. O club destacou tamén o labor do seu adestrador, Iván Balboa, polo acompañamento e traballo realizado durante esta experiencia competitiva.

Ademais, o Club Deportivo Lugo rendeu unha homenaxe aos equipos feminino e masculino do Club Natación PortaMiñá Lugo, recoñecendo a súa traxectoria recente, culminada co dobre ascenso á Primeira División Nacional de natación.