O PortaMiñá proclámase campión galego alevín masculino no Campionato de Inverno

O Club de Natación PortaMiñá foi un dos grandes protagonistas do Campionato Galego Alevín de Inverno, celebrado a pasada fin de semana en Mos, Pontevedra. O conxunto masculino proclamouse campión da clasificación xeral, mentres que o equipo feminino acadou unha destacada terceira posición nunha cita marcada polo alto nivel competitivo.
Máis alá dos resultados por equipos, a actuación individual dos nadadores e nadadoras do PortaMiñá foi especialmente salientable, cun balance total de 27 medallas, repartidas en 10 ouros, 10 pratas e 7 bronces, que reflicten o bo momento deportivo do club.
No campionato participaron un total de 28 equipos procedentes de toda Galicia e preto de 200 deportistas, uns datos que avalan a relevancia da competición e poñen en valor os resultados acadados polo club lucense nesta cita autonómica.