O Portamiña triunfa no Campionato de España Júnior en Castelló

LugoXa
Inés Mourenza asinou un debut espectacular, proclamándose campioa de España nos 400 estilos
ines-e-sofia-mourenza
31 Jul 2025

O Club Natación Portamiña volveu amosar o seu gran nivel no Campionato de España Júnior celebrado en Castelló, do 24 ao 27 de xullo, cunha actuación memorable das súas representantes. Inés e Sofía Mourenza, acompañadas polo seu adestrador Pablo Méndez, brillaron con luz propia e lograron subir ao podio en múltiples ocasións, consolidándose entre a elite da natación nacional.

Inés Mourenza asinou un debut espectacular, proclamándose campioa de España nos 400 estilos. Ademais, conseguiu a prata nas probas de 800 e 1500 libres, e o ouro nos 200 bolboreta. Pola súa banda, a súa irmá Sofía proclamouse campioa nos 200 estilos e nos 100 braza, e logrou a prata nos 50 e 200 braza, completando así unha actuación estelar para as irmás lucenses.

O club tamén estivo representado por Carmen López-Freire e Paula Saavedra, que se incorporaron o venres 25 para participar no relevo 4x100 estilos feminino xunto con Inés e Sofía. O equipo acadou unha meritoria 12ª posición nunha proba de altísimo nivel, pechando a competición cun excelente sabor de boca.

Desde o Club Natación Portamiña destacan o enorme esforzo e compromiso de todas as nadadoras, así como o incansable traballo do seu adestrador Pablo Méndez, que acompañou ás deportistas durante toda a competición. Con este campionato póñese o broche final a unha tempada chea de logros, superación e aprendizaxe.

“Sentímonos profundamente orgullosos do equipo humano que forma o Portamiña: adestradores, directiva, nadadores e familias. Grazas por facer isto posible un ano máis”, sinalan desde a entidade lucense.

⚙ Configurar cookies
0.15596890449524