O portavoz do BNG en Lugo abordou políticas de vivenda digna e asequible en Bruxelas

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, participou en Bruxelas nas xornadas europeas de Vivenda organizadas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, nunha iniciativa destinada a debater políticas de vivenda digna e asequible.
Durante o evento, Arroxo mantivo un encontro co Comisario de Vivenda da Unión Europea, Dan Jørgensen, para amosar “a transformación urbana que desde o BNG desenvolvemos en Lugo nos últimos anos, e que converteu á cidade nun lugar mellor no que vivir”, explicou.
“A vivenda é unha das principais preocupacións das galegas e galegos, e é preciso analizar a situación para dar unha resposta desde todas as institucións”, sinalou Arroxo. Ademais, participou nun encontro internacional xunto co alcalde de Zagreb, a antiga Directora Xeral de Vivenda e Rexeneración Urbana da Generalitat Valenciana e o vicepresidente da área metropolitana de Lyon encargado de vivenda, vivenda social e desenvolvemento urbano.
A conferencia en Bruxelas abordou cuestións clave para o acceso á vivenda, como a obtención de financiamento directo da UE e a necesidade de que a política de cohesión actúe como motor real para garantir vivenda digna, asequible e sostible en todos os territorios.
Tamén se debatiron mecanismos como a garantía de tipos de interese do 0% a través de plataformas de investimento ou directamente do Banco Europeo de Investimento (BEI) para préstamos a longo prazo, así como a posibilidade de establecer moratorias temporais na adquisición de vivendas para fins non residenciais ou de mero investimento.