O Portomarín BeerFest chega esta fin de semana como un revulsivo económico
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a segunda edición desta feira, que se celebrará esta fin de semana na Praza do Camiño da localidade coa colaboración un ano máis da Deputación, que achega un importe económico de preto de 2.500€ para a organización e difusión do evento.
Rivera Capón felicitou á organización por impulsar esta iniciativa que “reunirá en Portomarín esta fin de semana a milleiros de persoas en torno ao mundo cervexeiro, un mercado en auxe que cada vez gaña máis adeptos e no que fábricas ofrecen cada ano maior calidade nos seus produtos”. Este tipo de eventos, sinalou o Deputado, “encaixan á perfección co modelo de turismo que promovemos dende a Deputación, un turismo sostible, de calidade, de experiencias e con capacidade de atraer visitantes durante todo o ano, que pon en valor o patrimonio cultural e paisaxístico da provincia”
Na presentación, o organizador do festival explicou que, nesta segunda edición do Portomarín BeerFest, os asistentes poderán catar ata 60 tipos de cervexas artesanais diferentes, coa presenza de marcas a nivel nacional e internacional. “Agardamos que estes días se acheguen a Portomarín afeccionados de todo o panorama nacional, contando con persoas procedentes de Asturias, Castela e León, e da propia comunidade galega, ademais do gran número de peregrinos e visitantes que recibe cada día esta localidade, punto de paso estratéxico do Camiño de Santiago”.
Ademais dos postos coas billas de cervexa e postos de comida, o programa da cita conta cunha grande variedade de actividades para o desfrute en familia e para todo tipo de público. Ofrecerá degustacións de cervexa, talleres de elaboración de cervexa, degustación de whisky, e un encontro de coleccionistas de artigos de cervexa de toda España. O festival contará tamén coa presenza de Octavio Almeida Costa, organizador das Feiras Internacionais da Cerveixa Caminha e Porto, eventos de referencia a nivel europeo. Un feito, sinalou Manuel Pombo, “que nos axudará a ter máis visibilidade e ampliar os contactos con fábricas estranxeiras das que xa temos confirmadas a súa presenza na futura edición 2024, de países como Inglaterra, Grecia ou Croacia”.
Polo Portomarín BeerFest pasarán tamén outros destacadas personalidades e divulgadores da cultura do mundo da cervexa, como os arxentinos Vicky de Pau e Ricardo Aftyka da coñecida e premiada fábrica, Juguetes Perdidos. Algo que supoñerá unha importante proxección para o festival, que aspira a converterse nunha das citas máis importantes en España relativa á cervexa artesá.