O PP acusa a Deputación de complicidade co Goberno de Pol
O PP acusa ao bipartito provincial de ser cómplice necesario do socialista Lino Rodríguez na "caótica situación" na que se atopa a economía do Concello de Pol.
"O goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, ten demostrada unha acusada tendencia a usar distintos raseiros á hora de tratar aos concellos. Unha vez máis fai unha demostración de tal tendencia ao conceder un crédito disfrazado de subvención ao Concello de Pol que, en situación económica complicada pola mala xestión do seu alcalde, necesita máis de medio millón para poder acollerse a un programa do Goberno central, cantidade que, co compromiso de devolución, recibirá da Deputación", indica o voceiro portavoz popular, Javier Castiñeira.
Este sinala: “Dende o grupo provincial do PP preguntámonos cal será o motivo polo que o señor Besteiro, o señor Campos, Tomé e o mesmo o propio BNG levan anos exercendo de cómplices útiles das actitudes e da mala xestión de Lino Rodríguez no Concello de Pol. Tomé non condenou o último incidente do señor Lino, cun afeccionado do Portomarín (non esperabamos menos do señor Tomé), a pesar de que foi un acto suficientemente grave como para que o presidente da Deputación de Lugo recriminase a actitude do alcalde socialista, que cando menos foi moi pouco exemplarizante”.
O portavoz popular indica que “o peor é que o bipartito segue abrindo as portas da casa de todos os lucenses para que o señor Lino Rodríguez siga coa súa fuxida cara adiante no caos ao que ten sometido ao Concello de Pol”. Un claro exemplo é o que denuncia o PP por boca de Javier Castiñeira: “Como Lino deixou sen liquidez ao Concello de Pol, o goberno provincial acaba de aprobarlle un adianto de 547.669 euros, para que o Concello de Pol poida facer fronte a unha subvención que lle concedeu unha terceira administración por case 840.000 euros. É dicir, o goberno da Deputación de Lugo presta cartos ao Concello de Pol para que poida acceder a unha subvención dunha terceira administración, neste caso o Estado”.
Os populares “reciben queixas de moitos alcaldes que ven esta situación como un agravio claro e absoluto e incluso dubidamos da propia legalidade deste acordo, porque moitos concellos, especialmente os máis pequenos vense obrigados a renunciar a solicitar subvencións de gran importe porque poderían poñer en risco a tesourería municipal; neste caso, o Concello de Pol está evitando unha operación de crédito ou algo similar”.
Castiñeira declara: “É lamentable e insólito que a Deputación entre no xogo daqueles que non xestiona con rigor, como é o señor Lino; xa o fixo, involucrando en meses pasados a Tragsa no Servizo da Axuda no Fogar de Pol, que o goberno municipal non é capaz de xestionar por el mesmo; a propia empresa pública está a sufrir nas súas contas a mala xestión por parte de Lino Rodríguez, coa aprobación da Deputación de Lugo”.
Os populares piden “ao goberno da Deputación que exerza con obxectividade e que non use a institución provincial de Lugo para os seus compromisos políticos, como se está a demostrar co Concello de Pol e co seu alcalde, Lino Rodríguez Ónega”.