Fernández alerta da incerteza sobre a Escola de Enfermaría de Lugo, o PP asegura que a titulación está garantida

O futuro da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo xerou un novo cruzamento de declaracións entre o Concello e os deputados do Partido Popular.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, denunciou a falta de resposta e compromiso da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asegurando que “a incerteza e a desatención institucional están poñendo en risco o futuro a medio e longo prazo dunha das principais referencias formativas e sanitarias da nosa cidade”.
Fernández lamentou que, máis de tres meses despois da solicitude formal de reunión cos conselleiros de Educación e Sanidade, ningún deles se puxese en contacto co Concello para abordar esta cuestión, que cualificou de “fundamental para o presente e o futuro da sanidade lucense”. Destacou que a cidade leva tempo pedindo un compromiso firme para garantir a continuidade da Escola e preservar a súa independencia académica, fronte á inacción autonómica, e lembrou que o Concello solicitou xa no mes de xullo a creación dunha mesa de diálogo coa Xunta e coa USC.
“O silencio da Xunta e do reitor da USC resulta canto menos preocupante e está xerar unha incerteza innecesaria a nivel social, docente, profesional e institucional”, subliñou Fernández, quen advertiu de que a cidade non pode perder unha institución que forma a centos de profesionais sanitarios e que contribúe de maneira directa ao sistema público de saúde. O alcalde fixo un chamamento á Xunta e á USC para retomar o diálogo, dar garantías de continuidade á Escola e poñer en marcha un plan estable de apoio á formación sanitaria pública en Lugo.
Pola súa parte, os deputados do Grupo Provincial Popular sinalaron que “non imos entrar na trampa do PSOE e do BNG, que o único que pretenden é enredar cun asunto que ninguén puxo en dúbida”. O PP defendeu que “sempre vai apoiar a identidade de Enfermaría en Lugo” e asegurou que “os únicos que cuestionan a súa continuidade son o PSOE e o BNG”.
Segundo os populares, a integración da Escola Universitaria de Enfermaría do Sergas no Sistema Universitario Galego —un proceso que tamén afecta ao resto de centros de Galicia— foi consensuada entre a Universidade e a dirección do propio centro, e considera que resultará beneficiosa para o alumnado, ao permitir acceder á matrícula universitaria gratuíta impulsada pola Xunta, e garantista para o profesorado e o persoal da institución. “Ninguén cuestiona a continuidade desta titulación universitaria en Lugo, que non ten ningún risco de desaparecer”, engadiron, destacando que cada ano cúbrese o 100 % das matrículas.
O PP sostén que este proceso responde a un cambio administrativo para cumprir coas avaliacións e verificacións fixadas polo marco estatal e asegura que “estaremos sempre defendendo ata o último alento a Universidade, as titulacións que temos, as que queremos ter e, por suposto, a continuidade e a identidade do Campus de Lugo e de Enfermaría”.
