O PP acusa á Deputación de Lugo de ocultar o Plan Parcial de Paradai

O voceiro provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, denunciou a falta de transparencia do goberno da Deputación de Lugo ao negarse a facer público o Plan Parcial encargado para o desenvolvemento urbanístico da zona de Paradai. Segundo explicou, o pasado 3 de xuño solicitaron acceso ao expediente completo, pero José Tomé, presidente da Deputación, só facilitou a factura e os honorarios da arquitecta responsable do proxecto.
Ameijide anunciou que rexistrarán unha nova petición formal porque “queremos coñecer onde teñen pensado localizar as vivendas e cantas queren construír”. Subliñou que a preocupación entre os veciños é crecente e que o Partido Popular estará ao seu carón para defender as súas reivindicacións.
O portavoz popular insistiu en que “non entendemos que teñen que ocultar PSOE e BNG, nin por que José Tomé, Efrén Castro e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, están a negar información á cidadanía sobre un plan que afectará directamente ao futuro dunha das zonas verdes máis emblemáticas da cidade”.
Ameijide lembrou que o Paseo do Rato é unha realidade grazas a un goberno do PP na Deputación de Lugo e criticou que “PSOE e BNG non crearan nin un metro cadrado máis de zona verde nas últimas dúas décadas”. Ante o temor de que se perda parte deste espazo natural, desde o PP esixen que se explique publicamente a localización concreta e o número de vivendas previstas no Plan Parcial de Paradai.