O PP acusa á Deputación de paralizar a apertura da residencia de Becerreá
Dende o Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo e dende o PP de Becerreá afirman que o anuncio realizado dende o Goberno provincial sobre esta residencia “é unha manobra para gañar tempo porque non iniciaron licitación algunha”. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, asegura que supón “unha xogada á desesperada” de Tomé ante a presión exercida tanto por veciños, como a corporación de Becerreá como polo Grupo Provincial Popular.
“Neste momento, nin PSOE nin BNG son capaces de asumir a presión”, sinalou, ao que engade que “a nós non nos van a enganar porque a realidade é que seguen paralizando a apertura da residencia”. Destacan que na xunta de goberno, nin José Tomé, nin PSOE nin BNG acordaron impulsar a apertura da residencia xa que non puxeron en marcha a licitación de ningún dos servizos pendentes, como o mobiliario, o equipamento da cociña ou o persoal, entre outros.
“Seguramente estean acumulando escusas para cando se inicie o proceso xudicial contra a Deputación que anunciou o Concello de Becerreá por seguir sen abrir a residencia”, sinalaron. O goberno da Deputación de Lugo tiña anunciado dotar a Becerreá dun centro de día e residencial comarcal con 96 prazas de atención a maiores e 40 prazas de centro de día que estaría operativo antes do 2020. As obras de construción, finalmente, concluíron a finais do 2021, pero a día de hoxe este centro continúa pechado e, polo tanto, os veciños e veciñas da comarca non dispoñen do servizo.
O goberno provincial dirixiu 4 millóns de euros de tódolos lucenses á construción deste centro do que se poderían estar beneficiar preto de 100 persoas, pero leva anos rematada e pechada sen mobiliario, nin cociña nin conexión eléctrica porque non o contrataron aínda dende o goberno provincial.