O PP acusa a José Tomé de desatender infraestruturas en Becerreá

LugoXa
Desde o PP provincial critican a falta de interese do PSOE e do BNG por manter en bo estado a rede viaria da provincia
LU-P-0705-Becerreá
6 Feb 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto co voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, visitaron a estrada LU-P-0705 á altura da parroquia de Quintá, onde denunciaron o abandono dun treito de dous quilómetros.

Ameijide lamentou que "Tomé nin come nin deixa comer", xa que ademais de non arranxar a vía, rexeita permitir que o Concello a repare con medios propios.

Desde o PP provincial critican a falta de interese do PSOE e do BNG por manter en bo estado a rede viaria da provincia. Segundo os populares, a negativa da Deputación a autorizar as reformas solicitadas polos concellos agrava a situación das estradas, afectando directamente á seguridade e mobilidade dos veciños.

Pola súa banda, José Fernández Carrete subliñou a "nula atención" do goberno provincial ás estradas de titularidade da Deputación en Becerreá, denunciando ademais a falta de mantemento básico e o retraso nos desbroces.

Desde o PP insisten en que esta situación é insostible e esixen unha resposta inmediata da Deputación para garantir unhas infraestruturas en boas condicións para os veciños da zona.

0.13116407394409