O PP acusa a Pedro Sánchez de deixar a Lugo fóra do corredor de mercancías

LugoXa | TerraChaXa
O popular incide na “discriminación" á provincia en materia de infraestruturas ferroviarias; xa que “Lugo é a única cidade que non ten dispón de enlace directo con Santiago nin conexión co AVE"
pp-estacion-tren-lugo
5 Feb 2025

José Manuel Barreiro condena que “o Goberno de Sánchez practicamente se esqueza da liña Lugo – A Coruña”. Así o advirte tras comprobar que “o Plan Director do Corredor Atlántico presentado polo Executivo non inclúe a modernización desta liña”.

Barreiro engade que “a falta de aposta do Goberno de Sánchez pola modernización desta liña” que é entrada e saída natural dende os portos da Coruña con Castela e León pasando por Monforte de Lemos supón que “Lugo quede á marxe do Corredor Atlántico de Mercancías”. De feito, está excluído, como mínimo, outros 9 anos máis porque a próxima revisión da configuración dos Corredores non está prevista ata o ano 2033.

Ante a preocupación do PP lucense, os senadores diríxense formalmente ao Goberno de Sánchez dende a Cámara Alta para que aclare se ten previsto acometer a modernización da liña ferroviaria entre Lugo e A Coruña. E, de ser o caso, que actuacións ten previsto levar a cabo e en que prazo.

Os representantes lucenses do Partido Popular no Senado xa teñen demandado investimentos para garantir unhas conexións moderno e de calidade, tamén no caso do corredor A Coruña-Lugo-Monforte.

Barreiro incide, unha vez máis, na “discriminación do Goberno de Sánchez á provincia de Lugo en materia de infraestruturas ferroviarias”. Este é un novo exemplo que se suma á “desconexión” da cidade de Lugo coa capital de Galicia porque é a única cidade galega sen enlace directo con Santiago.

Ademais, Lugo queda sen AVE. Nese sentido, o popular lembra que “para a chegada do AVE é imprescindible a execución das variantes ferroviarias de Os Peares-Canabal e Rubián, previstas polo Goberno do PP e que Sánchez rexeitou”.

Os senadores reivindican o dereito á mobilidade dos lucenses e galegos, tanto no interior da comunidade coma co resto de España. “Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco queremos ser menos”, conclúe.

0.16620111465454