O PP acusa ao alcalde da Ribeira de Piquín de empregar a Fundación TerrEo para complementar o seu salario

Os populares denuncian que Roberto Fernández acumula cargos e cobra un sobresoldo financiado con fondos da Deputación de Lugo
ribeira-piquin-concello
8 Sep 2025

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, acusou ao alcalde da Ribeira de Piquín, o socialista Roberto Fernández, de utilizar a Fundación TerrEo como mecanismo para incrementar o seu salario. Segundo explicou, o rexedor viuse obrigado por lei a delegar a sinatura dun convenio entre o Concello e a fundación municipal, xa que ademais de alcalde exerce como presidente da mesma entidade.

A situación fíxose pública coa publicación no Boletín Oficial da Provincia, no que se recolle a delegación da firma na secretaria da Fundación TerrEo. Ameijide lembrou que a lei obriga a Fernández a absterse, ao concorrer na causa recollida no artigo 23.2a) da Lei 40/2015 do Réxime Xurídico do Sector Público, que impide asinar como representante de dúas partes interesadas. “Non pode rubricar o mesmo documento como alcalde e tamén como presidente da Fundación”, puntualizou.

O portavoz popular foi máis alá e acusou ao alcalde de exercer tamén como xerente da entidade, o que definiu como “unha especie de santísima trindade: alcalde, presidente e xerente”, subliñando que se autocontratou para dirixir a fundación, que conta co financiamento da Deputación de Lugo. Desta maneira, engadiu, percibe un 25% do seu soldo a través de TerrEo, mentres que do Concello recibe xa o 75% correspondente á dedicación máxima permitida pola lei segundo o número de habitantes.

Ameijide cualificou esta situación de “sobresoldo sen sentido”, xa que os obxectivos fundacionais, orientados a xerar emprego e fixar poboación, non se cumpriron. “Non se crearon novos postos de traballo e, en dez anos, A Ribeira de Piquín perdeu o 16% da súa poboación”, recordou.

O portavoz popular denunciou tamén que o financiamento da fundación procede de fondos da Deputación de Lugo, que, ao seu xuízo, se utilizan de maneira “sectaria e partidista” polo goberno provincial presidido polo socialista José Tomé. “Mentres en ocasións se empregan convenios para contentar a alcaldes do PSOE descontentos, noutros casos diríxense recursos a caprichos persoais ou a financiar sobresoldos como o de Roberto Fernández”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16997504234314