O PP acusa ao Concello de Lugo de ameazar veciños con sancións por non cambiar o contador da auga

LugoXa
Os populares denuncian que o goberno local actúa amparándose nunha ordenanza que só permite multar contadores averiados
contador-auga-municipal-caixa
12 Aug 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo criticou que o goberno local enviase notificacións e correos electrónicos a varios veciños advertíndolles de posibles sancións por non substituír o contador da auga, baseándose nunha ordenanza que, segundo aseguran, non lles concede competencias para sancionar este tipo de casos.

Desde o PP lembran que a normativa municipal só contempla sancións cando os contadores están avariados e sempre que esta situación poida acreditarse. “Están enganando e creando confusión entre os veciños, probablemente co obxectivo de forzar situacións que faciliten a implantación da telelectura”, afirman os populares.

Tamén inciden en que o Concello leva anos sen definir o modelo a seguir, a pesar de que a lexislación obriga a facelo desde 2020. “Agora parece que por fin entenderon o que tiñan que facer, pero chegan tarde”, engaden.

O PP considera que esta estratexia podería estar relacionada coa expectativa de que o Concello reciba a finais de setembro fondos do PERTE, algo que “podería darlle aire á súa manobra” pero que, ao seu xuízo, non xustifica as presións exercidas sobre os usuarios.

O grupo popular subliña que foi a súa labor de fiscalización a que deixou en evidencia ao executivo local, “obrigándoo a recuar e recoñecer que non pode sancionar aos consumidores que non cambien o contador voluntariamente”.

⚙ Configurar cookies
0.20835900306702