O PP acusa ao Concello de non delimitar en prazo o ERRP dos barrios da Milagrosa e Feijóo

LugoXa
Explica que esto provoca que “os veciños non poidan acceder a axudas europeas para a rehabilitación”
pp-milagrosa
Membros do PP no barrio da Milagrosa
19 Xul 2024

Elena Candia condenou “a falta de dilixencia do goberno local de Lugo por non delimitar en prazo o Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) dos barrios da Milagrosa e Feijóo” porque “pode supoñer que os veciños e veciñas non poidan acceder a axudas europeas para a rehabilitación de vivendas”.

Así o manifestou a presidenta provincial e voceira do Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo dende o barrio da Milagrosa xunto a concelleiros, deputados nacionais e senadores que veñen de rexistrar no Congreso e no Senado iniciativas solicitando ao Goberno de Pedro Sánchez que amplíe a dotación orzamentaria e o prazo de execución das obras.

A deputada lucense Cristina Abades explicou que “o Real Decreto 853/2021 que regula os programas de axudas en materia de rehabilitación residencial recollía o deber dos Concellos de delimitar os Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada”; pero “o Concello de Lugo non cumpriu” porque “non tiña delimitado o dos barrios da Milagrosa e Feijóo en prazo, antes do 19 de outubro de 2022”.

Polo tanto, “é moi difícil que os veciños poidan acceder a estes fondos europeos, a menos que o Goberno de España amplíe a dotación orzamentaria e o prazo para executar as actuacións”.

Candia lembrou que “os distintos gobernos do PSOE en Lugo levan prometendo dende o 2011 a rehabilitación dos barrios da Milagrosa e Feijóo; pero desaproveitaron a ocasión cando si delimitaron o ERRP no casco histórico da cidade en prazo para optar ás axudas europeas”.

É máis, “a alcaldesa anunciaba dous días despois a contratación dos traballos para declarar estes barrios como ERRP e non aprobaron a delimitación ata maio deste ano”, explicou Ramón Cabarcos.

AXUDAS DA XUNTA PARA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o 13 de setembro o prazo para solicitar tres liñas de axudas para a mellora da eficiencia enerxética, financiadas con fondos europeos do programa Next Generation UE:

- en vivendas (obras menores como o cambio de carpintería exterior e ventás que supoñan polo menos un 7% de redución na demanda enerxética

- en edificios de vivendas (axudas de entre 6.300 e 18.800 euros por vivenda para obras que reduzan un 30% no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable e, ademais, unha diminución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de entre o 25 % e o 35 %)

- para a elaboración do libro do edificio (ata un máximo de 3.500 euros) e a redacción de proxectos de rehabilitación (ata un máximo de 30.000 euros).

0.099174022674561