O PP acusa ao goberno local de Lugo de bloquear solucións e rexeitar propostas útiles para mellorar a cidade

LugoXa
O PP tamén puxo sobre a mesa a creación dun rexistro municipal voluntario e confidencial de persoas electrodependentes
VOTO-PSOE-BNG-EN-CONTRA
30 May 2025

No pleno municipal celebrado onte, os grupos do PSOE e BNG rexeitaron modificar a ordenanza de protección ambiental para ampliar a distancia mínima entre as plantas de biometano e as vivendas. Desde o Grupo Municipal Popular defendíase esta medida como unha forma de protexer os núcleos de poboación fronte a instalacións que poden xerar cheiros e molestias. "Unha vez máis, socialistas e nacionalistas antepoñen os seus intereses políticos a solucións reais para os problemas da veciñanza", sinalaron desde o PP.

Ademais, o bipartito votou en contra de traballar conxuntamente na creación dunha zona de baño pública na contorna de Os Robles. A iniciativa, que fora mencionada no pleno anterior polo propio alcalde, foi rexeitada esta vez, segundo os populares, "preferindo poñer paus nas rodas e desdicirse do seu compromiso". Lembran tamén que, desde 1999, Lugo segue sen praia fluvial e atribúen a responsabilidade directamente ao goberno local.

Outro punto de fricción foi a negativa do executivo municipal a recoñecer os problemas de seguridade, contaminación acústica e convivencia que existen en determinadas zonas da cidade. O PP propuxo un mecanismo participativo para abordar estas cuestións de maneira democrática, útil e necesaria, pero a proposta foi rexeitada sen alternativas.

No caso da parroquia de Casás, a formación popular lamentou que as propostas incluídas na súa moción –como mellorar accesos, podas de árbores, protección do tendido eléctrico ou mellora da sinalización para vehículos de emerxencia– fosen ignoradas. "Casás precisa obras e apoio, pero o bigoberno só ofrece política e ataques", denunciaron.

O PP tamén puxo sobre a mesa a creación dun rexistro municipal voluntario e confidencial de persoas electrodependentes, que permitiría unha resposta máis rápida e eficaz ante posibles cortes de luz. A proposta tamén foi rexeitada por PSOE e BNG.

Durante a quenda de preguntas, os populares solicitaron información sobre a implantación dun sistema de lectura remota para os novos contadores de auga, os hortos urbanos sen entregar dende hai máis dun ano, e o atraso na entrega das escrituras das vivendas públicas da Croa, que afecta a numerosas familias. Tamén se interesaron polo futuro da rúa Quiroga Ballesteros, sobre a que o goberno confirmou que será peonil, como estaba previsto.

Entre os rogos, o PP pediu reiterar formalmente a solicitude para que a ponte das Saamasas leve o nome de “Tomás Notario Vacas”, proposta que conta co apoio do Colexio de Enxeñeiros. Tamén reclamaron actuacións en varios tapóns urbanísticos –como o Camiño de Pipín, rúa Maceira–Juana La Loca e avenida da Coruña– que levan máis de 16 meses sen avances reais.

Así mesmo, os populares solicitaron un sistema autónomo de accesibilidade nas piscinas municipais. O concello respondeu que dispón de catro cadeiras con grúa, pero que precisan do apoio dun socorrista para o seu uso.

Por último, reiteraron por terceira vez a petición de arranxar a rúa Fonmiñá, presentada por rexistro en novembro e decembro de 2024. A resposta do executivo foi que se toma en consideración, aínda que sen concrecións sobre prazos nin actuacións.

Desde o PP conclúen que mentres eles propoñen solucións e colaboración, o goberno local prefire "enredar antes que actuar".

⚙ Configurar cookies
0.082359075546265