O PP acusa ao goberno local de Lugo de deixadez na renovación dos contadores de auga

O Grupo Municipal do Partido Popular denuncia a pasividade do goberno local de Lugo fronte á obriga de cambiar ou verificar os contadores de consumo de auga doméstica, unha medida que debe aplicarse antes do 24 de outubro deste ano, segundo a orde ministerial ICT/155/2020.
A concelleira popular Silvia Colmenero sinala que, conforme ao punto 4.5 do anexo 3 da normativa, é o concello quen debe asumir a responsabilidade de liderar este proceso nos casos de contadores con máis de 12 anos de antigüidade.
Colmenero considera "vergoñento" que Lugo siga empregando dispositivos analóxicos e que sexa preciso enviar persoal municipal casa por casa para realizar a lectura, nun contexto no que sería posible modernizar o sistema. A popular criticou que o Concello estea trasladando aos veciños a responsabilidade de verificar ou cambiar os contadores, cando é a administración quen debería organizar a actualización dos equipos, especialmente nun momento no que se poderían instalar contadores dixitais máis eficientes.
Ademais, a concelleira puxo como exemplo un comunicado do servizo de augas que chegou a algúns fogares advertindo da obriga de actualizar os contadores, e ameazando cun incremento na facturación se non se atende ao requirimento, amparándose nun artigo dunha ordenanza municipal que só se aplica a contadores avariados ou parados. “É un abuso encuberto”, denunciou Colmenero.
Na última sesión plenaria, o PP preguntou se o Concello estaba preparado para a lectura dixital, mais a resposta, segundo a edil, foi pouco clara e limitouse a indicar que se estaba á espera de fondos europeos. Lembrou que Lugo xa se presentou dúas veces sen éxito a estas axudas por presentar unha documentación deficiente e sen acadar a puntuación mínima.
A popular tamén evocou o precedente de 2021, cando o seu grupo promoveu unha campaña para axudar veciños afectados por facturas de auga baseadas en estimacións esaxeradas. “Foi grazas á presión política e veciñal que o Concello rectificou e refacturou os consumos”, afirmou. Nese momento, o PP propuxo repartir o consumo anual en catro partes iguais para garantir a proporcionalidade e o respecto á norma.
Por último, Colmenero denunciou o que considera unha xestión deficiente do ciclo da auga. Criticou que os principais contratos levan caducados 14 anos, que a brigada municipal está desmantelada, que as fugas tardan días en repararse, que a zona rural segue sen abastecemento nin saneamento, e que o sistema de reutilización de auga leva 14 anos inutilizado, todo isto mentres, segundo a popular, “se seguen subindo os impostos á veciñanza”.