O PP acusa ao goberno local de ocultar información sobre o desenvolvemento urbanístico de Paradai

LugoXa
O PP conclúe que é urxente que os gobernos local e provincial expliquen os seus plans para esta zona e atendan as demandas da veciñanza
PP-reunión-veciños-Paradai
18 May 2025

O Partido Popular de Lugo denunciou a falta de transparencia do goberno local e provincial nos proxectos urbanísticos da contorna do Rato, especialmente no barrio de Paradai, e mostrou o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza que demanda información clara e participación.

Así o expresaron nunha reunión mantida cos residentes, na que se expuxeron diversos documentos oficiais que, segundo os populares, evidencian a opacidade coa que están a actuar PSOE e BNG.

Durante o encontro, o voceiro popular Antonio Ameijide deu conta dun contrato menor da Deputación, por un importe de 12.100 euros, para elaborar a documentación técnica da aprobación inicial do Plan Parcial da S-13R, un proxecto paralizado dende hai case dúas décadas e que contempla a construción de 239 vivendas nunha zona de 61.000 metros cadrados xunto ao río Rato.

Ameijide reclamou ao goberno que aclare os seus plans para unha área de alto valor ambiental e insistiu en que calquera actuación debe contar co consenso veciñal. “O Partido Popular foi o impulsor dos paseos do Rato e do Miño e seremos os primeiros en defender a súa protección”, afirmou.

A situación complícase pola venda anterior destes terreos por parte da Deputación, con votos favorables do PSOE, por máis de 3,6 millóns de euros. se chegou a abonar o primeiro prazo e o adxudicatario iniciou un proceso xudicial reclamando a devolución do importe ou a entrega das parcelas. Para o PP, esta é unha oportunidade para que o goberno aclare dunha vez que pensa facer.

Ademais, os populares tamén puxeron sobre a mesa a aprobación inicial da urbanización do polígono C de Paradai, validada o 7 de agosto de 2024 pola Xunta de Goberno Local presidida polo tenente de alcalde do BNG, Rubén Arroxo. Segundo o PP, resulta incoherente que Arroxo negara coñecer este desenvolvemento, cando foi el mesmo quen presidiu e asinou o acordo. As obras afectarán a parcelas públicas situadas preto da rotonda de Serra de Meira, cuxa maioría é propiedade do Concello, a Deputación e ADIF.

Outro dos temas tratados foi o das inundacións que seguen afectando á zona. Os populares lembraron que a obra financiada pola CHMS e o Concello, presentada como a solución definitiva, non resolveu o problema. A intervención chegou con anos de atraso, sufriu varias modificacións e finalmente non cumpriu co obxectivo prometido.

O PP conclúe que é urxente que os gobernos local e provincial expliquen os seus plans para esta zona e atendan as demandas dunha veciñanza que leva anos agardando respostas claras e solucións reais.

⚙ Configurar cookies
0.12274098396301