O PP acusa ao goberno local de ocultar o borrador de ordenanza de urbanismo
O Partido Popular acusa ao goberno local de “ocultismo e de paralizar a cidade, despois de coñecer en comisión que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo séguense negando a facilitar o borrador da ordenanza de urbanismo que prometeron fai máis dun ano”.
“A pesar de todos os problemas que hai na concellería de urbanismo, problemas que derivaron en que no primeiro trimestre do ano duplicouse o prazo de resolución de licenzas, deixando unha situación moi preocupante como que no primeiro trimestre de 2022 pasaron por xunta de goberno menos da metade de licenzas que as resoltas en 2021, sendo os datos oficiais dentro do ámbito urbano que se pasou das 66 solicitudes tramitadas do ano pasado ás 29 do primeiro trimestre de 2022” afirman dende o PP.
Antonio Ameijide explica que non é o único dato preocupante que chegou a mans dos concelleiros populares, xa que na liquidación do ano 2021 pódese comprobar como o goberno local tiña unha previsión de ingresos, en canto ao Icio, de 2 M€, pero a parálise á que somenten ao sector da construción provocou que as súas previsións quedasen en 1.144.539,39€, o 57%, “outro dato que pon en evidencia o bloqueo que provoca Lara Méndez na cidade”.
“Pero a pinga que colmou o vaso chegou durante a comisión, ao seguir negándose Lara Méndez a entregar unha copia do borrador da ordenanza para que o grupo maioritario da corporación, o Grupo Popular, poida estudar o documento e facer achegas para melloralo na medida do posible. A realidade é que se negan a buscar calquera tipo de consenso e temos que escoitar cousas como que a ordenanza se atopa ‘en fase embrionaria final’ un ano despois de que anunciasen a súa entrada en vigor de maneira inmediata”, lamentou, ao que engade que “parece que se están tentando reir de nós e do sector”.
Ante esta situación, o Partido Popular solicitará de novo por escrito acceso ao expediente para poder estudar o documento e tamén ter acceso ás achegas que o goberno local asegura que lle fixeron chegar diferentes colectivos, a pesar de que recoñeceron abertamente que non se reuniron con ningún representante do sector.